A Unión Europea interésase polo plan de compostaxe da Deputación

Pontevedra
11 de outubro 2016

A Xunta de Goberno da Deputación concederá nos vindeiros días novas axudas para os concellos que queiran incorporarse ao plan cunha dotación de 1.250.000 euros. Os técnicos destacan a rapidez en que se vai sacar o primeiro compost
 

Carlos Pérez e César Mosquera, na Deputación Provincial PontevedraViva

Hai expectación na Unión Europea por comprobar os resultados do Plan de Compostaxe que está a asumir a Deputación da Deputación, así o manifestou o vicepresidente provincial César Mosquera ao avanzar que se atopa xa en activo a segunda fase desta iniciativa á espera de que o vindeiro venres 14 apróbese por parte da Xunta de Goberno as axudas pola cantidade de 1.250.000 euros destinada a aqueles concellos que queiran cambiar o sistema de tratamento de lixo. A Deputación subvencionaría a compra dos composteiros para que se reduza o traslado á planta de Sogama.

César Mosquera avanza que o interese por parte da Comisaría Europea de Medio Ambiente neste proxecto dá maior valor a esta proposta que pretende converter esta experiencia alternativa en universal. Apunta que neste ámbito é unha iniciativa única e que está a resultar interesante internacionalmente.

O enxeñeiro químico Carlos Pérez sinalaba que se espera que a finais deste mes comecen a sacar o compost en varios dos 35 concellos da provincia nos que se instalaron os composteiros. Reduciuse o tempo de elaboración a tres e catro meses cando habitualmente o compost en plantas industriais elabórase nun proceso de entre catro e seis meses. Esta aceleración, segundo o asesor, débese á achega de proteínas e nitróxeno a través de restos de comida como carne ou peixe e tamén ao proceso seguido durante estes últimos meses.

Ademais, segundo os responsables dese proxecto, a calidade do compost está a ser A, a máis alta, para que poida ser empregado nas hortas.

COMPOSTA EN REDE

Os días 20 e 21 de outubro o Pazo da Cultura acollerá o congreso Composta en Rede, que celebra a súa sexta edición en Pontevedra con, a falta dunha semana, o maior número de persoas inscritas.

Segundo informou César Mosquera a este encontro sobre compostaxe acudirán expertos de toda España ademais de diferentes colectivos ecoloxistas. O congreso é gratuíto e a inscrición permanece aberta ata o día do inicio.

Ao mesmo tempo, o vicepresidente provincial tamén sinalou que se convocarán cursos para formar persoas sobre aspectos básicos do tratamento de residuos para a elaboración de compost.