A Unidade de Atención á Drogodependencia de Pontevedra deixará de estar xestionada polo Concello e pasará ao Sergas

Pontevedra
20 de maio 2021

Así o acordou este xoves a Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia ao aprobar unha proposición non de Lei presentada polo PSOE e que logrou o apoio unánime do resto dos grupos políticos. Paloma Castro di que a unidade está "nunha situación de anormalidade total", xa que "non encaixa no normal funcionamento dunha Administración local"

Paloma Castro (esquerda) presentou a iniciativa PSdeG-PSOE

A Unidade de Atención á Drogodependencia de Pontevedra, que actualmente xestiona o Concello, pasará a incorporarse ao Servizo Galego de Saúde. Así o acordou este xoves a Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia ao aprobar unha proposición non de Lei presentada polo PSOE e que logrou o apoio unánime do resto dos grupos políticos. 

A proposición presentada pola deputada Paloma Castro supón reclamar á Xunta de Galicia a incorporación da UAD de Pontevedra no Sergas "logo de décadas de trato discriminatorio á rede de unidades de atención á drogodependencia de Galicia", unidades que atenden a máis de 13.000 persoas con adiccións ao ano, e que, ademais, prestan un servizo sanitario.

Para rematar con "tanta desidia" que a deputada socialista por Pontevedra ve en todas as unidades galegas, pediu que se empece pola integración deste servizo asistencial de Pontevedra na rede asistencial do Sergas.

Castro lembra que hai 12 anos que a Xunta obrigou aos concellos e ONGs a manter a xestión duns recursos sanitarios que son da exclusiva competencia do goberno galego e que o momento actual é o "perfecto" para integrar o servizo e asumir a contratación dos novos profesionais logo das xubilacións.

A Unidade de Atención á Drogodependencia de Pontevedra atópase, segundo Paloma Castro, "nunha situación de anormalidade total", xa que "non encaixa no normal funcionamento dunha Administración local". O persoal está incluído na Relación de Postos de Traballo do Concello, pero traballan con datos, información e programas informáticos do Sergas, e mesmo poden receitar tratamentos aos pacientes.

O texto da iniciativa aprobada este xoves recolle, literalmente, que o Parlamento "insta á Xunta de Galicia a acordar coa Fegamp o mecanismo para iniciar o procedemento de incorporar ao Sergas aos profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os servizos dependentes das administracións locais, en concreto os relativos á Unidade de Atención á Drogodependencia de Pontevedra, para ordenar a atención e que dependa do organismo competente en asistencia sanitaria, que é a Administración autonómica".

O Parlamento aprobou a proposición non de lei logo dunha transacción entre o PP e o PSdeG. O deputado 'popular' Alberto Pazos pediu que "non se frivolice" con este tema e amosou o respaldo do PPdeG a que estas unidades de saúde mental queden adscritas progresivamente ao Sergas.