A UNED contrata cinco mozos a través do programa "TándEM"

Pontevedra
19 de abril 2023

Adquirirán durante un ano a súa primeira experiencia profesional nas administracións públicas prestando o seu servizo en varios departamentos do Centro Asociado da Universidade a Distancia en Pontevedra 

A UNED contrata a cinco mozos a través do programa "TándEM" UNED Pontevedra

A UNED vén de contratar a cinco novos a través do programa "TándEM" que favorece a primeira experiencia profesional nas administracións públicas.

A firma destes contratos, que terán unha duración dun ano, tivo como protagonistas aos cinco novos e á presidenta da Deputación de Pontevedra e do Consorcio da UNED, Carmela Silva, en presenza do director do Centro Asociado e do Campus Noroeste da UNED, Víctor M. González Sánchez. 

Estes mozos foron remitidos á UNED polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e desempeñarán funcións administrativas ligadas a diversos departamentos da UNED e tamén ao servizo de biblioteca, un dos máis demandados polo alumnado do Centro Asociado en Pontevedra. 

A intención do equipo directivo da UNED é seguir desenvolvendo este proxecto de fomento do emprego xuvenil en anos sucesivos a condición de que se poidan seguir acollendo á liña de axudas implementadas para poder poñer en marcha este tipo de iniciativas. 

O programa TándEM, inspirado no bo funcionamento das escolas taller e dos talleres de emprego xestionados directamente polo SEPE, responde a un dobre reto: a capacitación dos mozos non cualificados e a súa práctica laboral, abrindo verdadeiros horizontes a un proxecto de vida estable. 

TándEM pertence ao Investimento específico en Emprego Novo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia- Financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU.