A UNED conmemora o Día da Nena e a Ciencia cunha exposición sobre mulleres astrónomas

Pontevedra
04 de febreiro 2024

A mostra estará ao dispor do público en xeral a partir do luns 5 de febreiro e estará situada na entrada do centro universitario en Monte Porreiro

Exposición e conferencia 'Con A de Astrónomas' na Deputación Mónica Patxot

O Centro Asociado da UNED en Pontevedra conmemora o Día da Nena e a Ciencia coa inauguración da exposición "Astrónomas", promovida pola profesora Josefina Ling Ling, e que coordinada polo responsable do Departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, Rafael Cotelo Pazos, estará ao dispor do público en xeral a partir do luns 5 de febreiro, na entrada do centro universitario en Monte Porreiro.

A súa versión dixital, na web www.astronomas.org, inclúe a case 300 astrónomas que traballan ou o fixeron nunha ou en varias das catorce disciplinas nas que se estruturou a mostra, e recolle os máis variados acentos de etnias, ámbito xeográfico, categoría profesional ou diversidade funcional.

Ademais da información sobre cada unha das astrónomas, compleméntase con diversos materiais que inclúen unha contextualización da astronomía con outras ciencias, a súa relación coa cultura, cadernos pequenos pedagóxicos descargables, xogos interactivos, podcast e vídeos. Todo iso arroupado por unha banda sonora orixinal composta por unha moza futura astrofísica e talento musical. Tamén conta cunha versión física de 16 paneis explicativos dispoñibles en castelán, galego e catalán. 

Entre os obxectivos da exposición “Astrónomas” está o fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas en xeral e entre as nenas e adolescentes en particular, divulgar as investigacións realizadas por mulleres científicas na astronomía e astrofísica, as innovacións afíns e as perspectivas futuras nestes campos. Con todo iso preténdese incrementar a cultura científica, tecnolóxica e innovadora na sociedade e mellorar a educación científica–técnica en todos os niveis, especialmente entre a xente nova.

Quen se achegue ao Centro Asociado da UNED en Monte Porreiro poderá contemplar na exposición elementos relacionados co sol, o sistema solar, os planetas, discos protoplanetarios e obxectos de baixa masa, estrelas e cúmulas interestelares, estrelas moribundas, medios estelares, a Vía Láctea, as galaxias, buracos negros supermasivos, cúmulos de galaxias, física de astropartículas, cosmología, instrumentación, Software e Big Data.