A UNED celebrará o 8M cun gran acto de empoderamento e homenaxe ás mulleres do mar

Pontevedra
16 de febreiro 2023

O evento vai desenvolverse o martes 7 de marzo a partir das 18.30 horas na sede da UNED en Monte Porreiro. Está prevista a presentación do programa 'Sereas. As mulleres do mar', coa colaboración de Fundamar e Funpromar. tamén se proxectará o documental 'Pegadas Esvaecidas'

Fotograma cedido por Álvaro Gago da curta 'Matria' ao proxecto 'Sereas. As mulleres do mar'

O martes 7 de marzo, ás 18.30 horas, a sede da UNED de Monte Porreiro acollerá un acto de conmemoración do 8 de marzo, Día internacional da Muller. 

Neste evento está prevista a presentación do programa 'Sereas. As mulleres do mar'. Tamén se proxectará o documental'Pegadas Esvaecidas'. A continuación, terá lugar un coloquio coa participación de Pupe Jueguen, secretaria de Amarcarril (Asociación de Mariscadoras de Carril) e ex traballadora dos conserveira Hermanos Massó.

'Sereas. As mulleres do mar' é un programa fundado en 2017 que traballa na investigación, divulgación e visibilización do papel que exerce a muller no sector mar-industria. Este proxecto está promovido por Fundamar e Funpromar.

Ao acto asistirá Víctor M. González Sánchez, director da UNED de Pontevedra; coa presenza da xerente de Fundamar, María Caldeiro; e a directora do museo Anfaco, Mariña López Rodríguez.

Ademais, Rafael Cotelo Pazos, coordinador de Extensión Universitaria, expón que durante todo o ano reivindica o seu compromiso coa educación desde a perspectiva de xénero e feminista. Desenvólvense iniciativas formativas como 'Filósofas e pensadoras na Historia' 'As silenciadas. Sentido e sensibilidade desde a arte' 'Grandes escritoras da literatura anglosaxoa no cinema' ou 'Fundamentos filosóficos da teoría literaria feminista'.

Esta acción impulsada pola UNED encádrase na Axenda 2030 e fundaméntase nos obxectivos de desenvolvemento sostible que están vinculados á educación de calidade; igualdade de xénero; traballo docente; e redución das desigualdades.