A última fase da mellora da PO-234, adxudicada por case 932.000 euros

Ponte Caldelas
05 de xullo 2024

Con esta última fase completarase a reforma desta estrada, que une o núcleos de Ponte Caldelas e Augasantas (Cerdedo-Cotobade), na que xa se acometeu a rehabilitación doutros dous tramos, nos que se investiron 1,25 millóns de euros máis

A Xunta mellora o tramo da PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso Xunta de Galicia

A empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos será a encargada de executar as obras de acondicionamento da estrada autonómica PO-234 entre Laxoso e o cruce do Portasouto, no concello de Ponte Caldelas. Recibirá case 932.000 euros por eses traballos.

Con esta última fase completarase a reforma desta estrada, que une os núcleos de Ponte Caldelas e Augasantas (Cerdedo-Cotobade), na que xa se acometeu a rehabilitación doutros dous tramos, nos que se investiron 1,25 millóns de euros máis.

A previsión é comezar os traballos neste verán e cun prazo de execución de oito meses.

En concreto, a obra inclúe a mellora do trazado e das interseccións das vías públicas coa estrada autonómica ou a ampliación da calzada ata os sete metros de ancho, acadándose dous carrís de tres metros e dúas beiravías de 0,50 metros para mellorar a seguridade viaria.

Tamén se intervirá nas interseccións e executaranse cunetas de seguridade e melloras da drenaxe transversal e lonxitudinal da vía.

Ademais reporase a sinalización horizontal e vertical e as barreiras de seguridade flexibles.

O investimento global desta nova intervención supera os 1,14 millóns, tendo conta o pagamento dos predios precisos para executar a actuación, que abrangue un tramo de preto de 1,6 quilómetros da PO-234, entre os puntos quilométricos 2+580 e 4+150.