A UCI de Montecelo recibe dous pacientes críticos derivados de Ferrol ante o colapso do seu hospital

Pontevedra
28 de xaneiro 2021
Actualizado: 14:55

Fontes oficiais da xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirman que o traslado se produciu na tarde do mércores e que o obxectivo é "anticiparse e deixar marxe de acción" ante o posible empeoramento de pacientes en hospitalización na área sanitaria ferrolá. En Montecelo hai este xoves 17 enfermos en UCI

Nova UCI do Hospital Montecelo Servizo Galego de Saúde

A saturación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol levou a que dous pacientes graves que estaban ingresados na unidade de Coidados Críticos tivesen que ser trasladados nas últimas horas a Pontevedra. 

Fontes oficiais da xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirman a PontevedraViva que o traslado se produciu na tarde do mércores e que o obxectivo é "anticiparse e deixar marxe de acción" ante o posible empeoramento de pacientes en hospitalización na área sanitaria ferrolá. 

Estes dous pacientes evolucionan agora na UCI do Hospital Montecelo, que nos últimos días xa tivo que ampliarse. Nestes momentos hai dúas unidades e media de coidados críticos, segundo fontes sanitarias.

Este xoves hai no Hospital Montecelo 92 pacientes en planta de hospitalización e 17 en UCI. É un paciente máis en estado crítico que o día anterior, aínda que hai que ter en conta que nas últimas horas notificouse a morte de catro pacientes que estaban ingresados no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

O xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, indicou o pasado mes de decembro que a área sanitaria ten capacidade para 46 pacientes en UCI, 50 en caso de ser necesario levar ao sistema ao límite máximo. 

O traslado de pacientes entre centros sanitarios está previsto no Plan de Continxencia da covid-19 e, de feito,o pasado luns a área sanitaria trasladou varios pacientes  que estaban en planta de hospitalización en Montecelo ao Hospital  do Salnés. Agora recibe dous, pero non en planta, senón en UCI.

Desde a xerencia de Pontevedra e O Salnés confirmaron este traslado este xoves, pero horas despois, tras a reunión semanal do Consello de la Xunta, o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, asegurou, a preguntas dos medios de comunicación, que desde Ferrol tan só se trasladaron pacientes ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo e "desde Ferrol, desde logo, non trasladamos a ninguén a Pontevedra".