A UCI, ao límite: 29 pacientes críticos entre os 2.365 casos activos por covid-19

Pontevedra
30 de xaneiro 2021

A situación da UCI de Montecelo empeza a ser insostible. Ata 29 pacientes críticos, catro máis que onte, están ingresados por covid-19 nunha área sanitaria que volveu a bater un (triste) record. Os casos activos creceron ata os 2.365, 119 máis que no último balance do Servizo Galego de Saúde

Servizo de Urxencias do Hospital de Montecelo Mónica Patxot

A situación da UCI de Montecelo empeza a ser insostible. Ata 29 pacientes críticos, catro máis que onte, están ingresados por covid-19 nunha área sanitaria que volveu a bater un (triste) record. Os casos activos creceron ata os 2.365, 119 máis que no último balance do Servizo Galego de Saúde.

Os contaxios detectados nas últimas 24 horas volveron a superar os douscentos. En concreto, foron 208 os novos infectados. É tamén una das maiores cifras diarias desde que comezou a pandemia alá polo mes de marzo.

Os pacientes hospitalizados nos tres hospitais da área son 141, tres menos que onte. A maior parte deles (112) están nas unidades de hospitalización para enfermos de covid-19.

En concreto, hai 84 infectados que están a ser atendidos en Montecelo. Outros doce están no Hospital do Salnés e hai dezaseis no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

O resto dos que contraeron o virus, outras 2.224 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 7.654 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 85 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 109 falecementos asociados ao virus. Os catro últimos, tres persoas que faleceron en Montecelo e unha cuarta na súa casa de Ponte Caldelas.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 140.170, 1.653 nas últimas horas. Delas, 172 deron positivo (10,40%). A estas probas súmanse as 53.271 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 22.511, 387 máis que o día anterior. Deles 5.984 son da área da Coruña, 2.121 da de Lugo, 2.963 da de Ourense, 2.365 da de Pontevedra, 3.846 da área de Vigo, 3.445 da de Santiago e 1.787 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 228 están en UCI, 1.084 en unidades de hospitalización e 21.199 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 71.531 persoas curadas, rexistrándose 1.752 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.397.979 probas PCR, 13.890 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar a 1.259 novos infectados.