"A túa filla leva cinco anos vivindo un inferno, sufriu abusos"

Pontevedra
11 de xaneiro 2024

Unha nai relata como descubriu que a súa filla foi vítima de abusos sexuais con tan só 14 por parte do seu primeiro noivo e adestrador de baloncesto. O mozo está acusado porque presuntamente entre os anos 2012 e 2016 abusou e agrediu sexualmente a tres menores

Mozo acusado de abuso e agresión sexual a tres menores Mónica Patxot

"A túa filla leva cinco anos vivindo un inferno, sufriu abusos". Tan só repetir a frase fai tremer a unha veciña de Marín. Díxolla o noivo da súa filla no ano 2019. Ela xa era entón maior de idade, pero con esa afirmación o mozo estaba a relatarlle que fora vítima de abusos sexuais con tan só 14 por parte do seu primeiro noivo e adestrador de baloncesto. 

Este xoves, repetiuna na sala de vistas da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra durante a segunda sesión dun xuízo contra un mozo que presuntamente entre os anos 2012 e 2016 abusou e agrediu sexualmente a tres menores. Unha delas era a súa filla e, como testemuña, relatou como se decatou do ocorrido. 

A súa filla tiña 14 anos cando empezou a ter unha relación co que era o seu adestrador nun equipo de baloncesto. Un día, a nai enterouse, a través da tía, de que mantivera relacións sexuais con el sen protección e chamou ao mozo porque lle parecía "unha idade moi precoz para manter relacións" e, sobre todo, "porque fora sen ningún tipo de protección". 

Segundo relatou no xuízo, foi a única conversación que mantivo con este mozo e quedou "tranquila" porque el mostrouse "maduro" e "correcto", deulle a razón e aseguroulle que nunca máis volverían manter relacións sen protección. 

Xusto antes diso, a nena pasara uns momentos complicados polas continuas discusións dos seus pais en casa e porque sufriu bullying e volveuse "máis introvertida". Logo, ao ano seguinte, "as cousas empezaron a empeorar", fíxose "hermética" e deixou de saír coas súas amigas e tivo desordes alimenticias. A súa nai simplemente pensaba que tiña unha adolescencia complicada e empezou a acudir a unha psicóloga.

Anos despois, xa en 2019, cando xa tiña unha relación con outro mozo, á nai saltáronlle as alarmas porque un día, en casa, tras un comentario machista por parte do seu pai, a moza dixo: "pois que saibas que a túa filla tamén sufriu abusos".

Tras iso, tentou falar con ela e só conseguiuno a través da súa irmá ata que finalmente o seu noivo actual acabou dicíndolle que lle confesaba que anos atrás sufrira abusos. Tamén se decatou de que se autolesionaba causando cortes en todo o corpo

Meses máis tarde, e tras a insistencia da súa contorna, denunciou os feitos e relatou que o hoxe acusado, polo menos en dúas ocasións, obrigouna a manter relacións sexuais con el mesmo a pesar de que ela estaba a chorar.

O acusado, durante a primeira sesión do xuízo, negou os feitos, asegurando que todas as relacións que mantivera con esta moza e coas outras dúas vítimas foran consentidas. Con todo, este xoves na Audiencia declararon múltiples testemuñas que confirman as denuncias das mozas. 

No xuízo declarou un mozo que mantivo unha relación coa primeira vítima e relatou que a moza lle confesou que nalgunha ocasión non quería manter relacións sexuais co acusado, pero "sentiuse obrigada". Tamén recoñeceu que, cando estaban xuntos, algunha vez tiveron que parar as relacións sexuais porque a moza poñíase a chorar e sentíase mal. 

A segunda vítima tamén foi noiva do acusado e asegura que a obrigou a manter relacións non consentidas. A que era o seu mellor amiga definiu a relación que mantiñan como "tóxica" e asegurou que el a "manipulaba".

Así por exemplo, éralle infiel e logo "dáballe a volta e ela acababa pedíndolle perdón a el" e, en dúas ocasións, presenciou como ameazaba con suicidarse se ela estaba con outros mozos. Ademais, tempo despois de rota a relación, confesou á súa amiga que sufrira abusos sexuais.

Dúas axentes da Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional de Marín confirmaron as denuncias. A primeira vítima contoulles o que vían como "feitos reais" e logo "apareceron máis nenas" que relataron comportamentos inadecuados do acusado con máis menores.

A segunda vítima ao principio nin sequera quería denunciar e, segundo unha policía, "sentíase culpable por non ser capaz de dicir que non nese momento", cando supostamente a obrigou a manter relacións. 

A terceira era unha nena de 13 á que daba clases de guitarra e supostamente realizou tocamentos. Ademais, unha moza declarou no xuízo que tiña coñecemento de que "pedía fotos ás compañeiras lixeiras de roupa" e pedíalle detalles das mozas de 11 e 12 anos do club nos vestiarios. 

Estes feitos foron denunciados cando o mozo xa non estaba vinculado a este equipo. Na actualidade, vive no estranxeiro e segue vinculado ao mundo do baloncesto. O responsable deportivo do club naquela época declarou no xuízo que non tiña coñecemento destes feitos e quedou "sorprendido" cando lle falaron das denuncias. 

A Fiscalía de Pontevedra acúsao dun delito de agresión sexual a menor de 16 anos de carácter continuado, un delito de abuso sexual de carácter continuado a menor de idade e un delito continuado de agresión sexual con penetración a menor de idade co agravante de parentesco. Pide que sexa condenado a 21 anos e oito meses de prisión.