A transformación urbana de Pontevedra, a análise na Semana da Mobilidade de Funchal

Pontevedra
17 de setembro 2019

Unha delegación da cámara municipal de Funchal visitará proximamente a cidade de Pontevedra para coñecer o seu proceso de transformación urbana. Así o anunciou o seu presidente, Miguel Gouveia, tras a intervención de Anabel Gulías na Semana da Mobilidade que organiza esta rexión portuguesa

Intervención de Anabel Gulías na Semana de Mobilidade de Funchal Concello de Pontevedra

Unha delegación da cámara municipal de Funchal visitará proximamente a cidade de Pontevedra para coñecer o seu proceso de transformación urbana. Así o anunciou o seu presidente, Miguel Gouveia, tras a intervención de Anabel Gulías na Semana da Mobilidade que organiza esta rexión portuguesa.

O relatorio de Anabel Gulías na xornada principal desta Semana da Mobilidade foi precedido por unha presentación de Miguel Gouveia, quen aproveitou para louvar todo o que se avanzou en Pontevedra en materia de accesibilidade e mobilidade.

A representante de Pontevedra, encargada de abrir a quenda de intervencións da xornada, fixo un percorrido polos parámetros aplicados na cidade de Pontevedra para acadar a convivencia de formas diversas de mobilidade no espazo urbano.

No debate posterior e a tenor das intervencións do público e dos demais relatores da mesa, puido constarse que os principais focos de atención estaban na replicabilidade do modelo pontevedrés noutras cidades, así como nas medidas de calmado do tráfico e na sensibilización da veciñanza para reducir a cero a cifra de mortos por atropelo.

O moderador da mesa, o profesor da Universidade de Lisboa Joao Figueira de Sousa, fixo especial fincapé na capacidade política do goberno municipal de Pontevedra para acometer a transformación da cidade, valorando moi positivamente a participación veciñal neste proceso. 

Antes da celebración da xornada, Anabel Gulías mantivo dous encontros de traballo, un co concelleiro de Mobilidade Urbana e Transportes, Bruno Martins, e o segundo, a primeira hora desta mañá, co presidente da cámara municipal, Miguel Gouveia.

Nestas xuntanzas, os representantes municipais da cidade de Funchal interesáronse por cuestións como o o tempo investido na planificación e execución da transformación urbana ou as reaccións, tanto positivas como negativas, que a transformación urbana produciu entre a veciñanza da cidade.

Interesáronse, ademais, polos proxectos de futuro e principais retos que asume Pontevedra de cara os vindeiros anos. Neste punto, Anabel Gulías informou sobre o modelo de xestión de residuos que se está desenvolvendo, baseado na compostaxe individual e comunitaria, e sobre o modelo de transporte a demanda.