A tramitación da terceira e última fase de mellora da PO-235 na Lama entra na súa última fase

A Lama
27 de abril 2023

A Consellería de Infraestruturas investirá na mellora da estrada entre Seixido e Portela da Cruz 3,9 millóns de euros

Visita ao Concello da Lama do delegado da Xunta Luís López e da xefa territorial de Infraestruturas, María Martínez Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade somete a información pública o proxecto da terceira fase da mellora, modernización e acondicionamento da estrada autonómica PO-235, no Concello da Lama, que suporá un investimento de 3,9 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez, mantiveron este xoves unha reunión informativa co alcalde da Lama, Jorge Canda, e outros representantes municipais na Casa do Concello para informalos da publicación no DOG deste procedemento administrativo.

O proceso de información pública desta obra ábrese o vindeiro día hábil logo da súa publicación no boletín oficial, é dicir o martes 2 de maio, e prolongarase ata o 14 de xuño para que o expediente poida ser consultado polos veciños e que os interesados que así o consideren poidan trasladar as súas achegas.

A actuación, que roldará os 3,9 millóns de euros e ten un prazo de execución de 12 meses, desenvolverase entre o punto quilométrico 18+100 da estrada PO-235, á altura da parroquia lamesa de Seixido, e prolongarase ata o 25+000 en Portela da Cruz, xusto no límite coa provincia de Ourense.

As obras están orientadas principalmente ao ensanchamento da plataforma da calzada ata os 7 metros co obxectivo de que haxa senllos carrís de circulación con 3 metros de anchura, respectivamente, e beiravías de 50 centímetros en cada marxe.

Así mesmo, procederase á rectificación das curvas de menor radio para facilitar a circulación e diminuír o risco de sinistralidade, renovarase a capa de rodadura e o firme, acometerase unha adaptación da drenaxe transversal da plataforma con tres principais puntos de evacuación, realizarase o revestimento de cunetas e renovarase o tendido, a sinalización horizontal e vertical, o balizamento e as defensas de seguridade.

Con esta terceira fase completarase o acondicionamento integral da estrada PO-235 ao seu paso polo concello da Lama.