Faltaban poucos minutos para as catro da madrugada do sábado cando un veciño da Rúa da Ponte de Ponte Sampaio espertou do soño e entrou nun pesadelo. Estaba a durmir, pero espertárono uns berros que procedían do exterior. Saíu ao balcón e viu unha escena que non se lle esquecerá xamais: "La estaba apuñalando. Yo le chillé que la dejara". Un simple xesto como asomarse á rúa converteuno nunha testemuña crave dun crime, pois presenciou como alguén estaba acoiteando á súa veciña Conchi. El non distinguiu quen era, pero, cos datos achegados, e resultado da investigación policial, detiveron como presunto responsable ao ex noivo da falecida, José Antonio Lusquiños Bustelo, coñecido como 'Coco'.
Na tarde do sábado, horas despois do crime e cando o tiña todo moi fresco, prestou declaración na Comisaría Provincial da Policía Nacional ante os axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) que leva a investigación. A eles achegoulles todos os detalles que lembraba, pero prefire ser máis comedido á hora de falar coa prensa.
Tampouco os investigadores achegan detalles da investigación, aínda que PontevedraViva puido saber que nestes momentos se centra especialmente nunha tarefa: buscar o coitelo utilizado no crime, no que podería haber pegadas del ou restos do seu ADN e tamén o sangue da vítima. O detido, que está en prisión por estes feitos, declarou que o tirara ao principio da pista na que logo apareceu o seu coche, na zona de Ameán do lugar de Vilar, pero alí non o localizan e non se descarta que nos próximos días o leven a el á zona para reconstruír os seus últimos movementos.
O relato daquela noite é máis estremecedor por momentos, e máis se se ten en conta a posibilidade de que o fillo deste veciño, menor de idade, chegase a ver o cadáver de Conchi Reguera Peón, á que todos coñecían porque vivía a apenas uns 40 metros do lugar, enriba do bar Pescador, e era co propietaria dun dos chiringuitos da praia fluvial de Ponte Sampaio. A escena podería ser aterradora, pois, segundo se puido saber, tiña múltiples feridas de arma branca. A propia testemuña é moi gráfico ao relatar que "la cosió a puñaladas".
En canto esta testemuña viu a escena, "fui a llamar a mi mujer, (le dije) que estaban apuñalando a una chica" e volveron saír ao balcón, pero, nese momento, "él se marchó y yo salí a la calle". A súa intención era socorrer á moza, pero "ya no hubo nada que hacer".
O seu testemuño arroxou luz sobre algúns enigmas, como o lugar no que se produciu o acoitelamento. El asegura que lle deu as feridas mortais no exterior do coche, pero descoñece se houbo un enfrontamento previo, pois "cuando llegué ya la estaba apuñalando".
A súa muller tamén está considerada testemuña dos feitos, pero ela non presenciou tanto como el. Ningún dos dous escoitou se el dicía algo. En principio parécelles que "no gritaba nada", pero non descarta outras posibilidades, pois "fue todo muy rápido y, además, estás como dormido porque son las cuatro de la mañana, oyes chillar...".
A falecida si que non chegou a dicirlles nada antes de morrer. Cando el e, logo, a súa muller saíron á rúa ela xa estaba tirada e el escapara no coche dela. Conchi "tenía una respiración como la gente mayor cuando respira mal, la pobriña ya estaba agonizando". E é que "la cosió a cuchilladas". Non o esquecerá nunca.