A superficie queimada en Cotobade ascende xa a 365 hectáreas

Cerdedo-Cotobade
09 de agosto 2016
Actualizado: 20:15

A Consellería do Medio Rural actualizou ás 13:30 horas o estado dos incendios forestais en Cotobade e Caldas de Reis, este último xa estabilizado. O incendio de Tenorio mantén o nivel 2 de alerta tras calcinar 365 hectáreas. En Caldas a cifra rolda as 290 hectáreas

Superficie queimada no incendio de Cotobade Cristina Saiz

A situación do incendio declarado en Tenorio, en Cotobade, segue complicada segundo o parte da Consellería do Medio Rural das 19.30 horas. O nivel de alerta 2 mantense activo pola proximidade do lume ao lugar de Vilanova e a superficie queimada ascende xa ás 365 hectáreas.

En Cotobade téñense despregado dous técnicos, 16 axentes, 28 brigadas, 14 motobombas, seis pas, 15 helicópteros e tres avións, ademais dos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), segundo informou a Xunta de Galicia. Entre os efectivos que loitan contra o lume en Cotobade figuran nove medios aéreos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.  

Segundo informou o Ministerio, desde primeiras horas da mañá trasladáronse medios aéreos e terrestres para apoiar aos medios da Xunta, entre eles tres avións anfibios de 6.000 litros de capacidade de descarga das bases de Lavacolla na Coruña e Matacán en Salamanca, así como un helicóptero Kamov de 4.500 litros de descarga da base de Ibias en Asturias e un avión de Comunicacións e Observación da base de Matacan, que envía imaxes aéreas do incendio en tempo real.

Para traballar en terra na loita contra as lapas, atópanse na zona dúas Brigadas de Reforzo contra incendios forestais cos seus catro helicópteros de 1.200 litros, desprazadas das bases de Laza en Ourense e Tabuyo do Monte en León.

A UME ten este verán, como os nove últimos, un destacamento permanente na base Xeral Trasfogueiro da Brilat en Figueirido e a media tarde deste luns os militares foron mobilizados para este lume, pero coa chegada da noite viuse necesario reforzar o operativo e a partir das 21.00 horas e ata as 6.00 horas da mañá desprazáronse máis efectivos desde León

Esta unidade militar estableceu o seu posto de mando nos arredores da ITV de Bora e, desde alí, o responsable do quinto batallón da UME en León, o capitán Capico Rodríguez, coordina o despregamento dun total de 192 efectivos que traballan a dúas quendas para cubrir as 24 horas do día, acompañados por 12 autobombas e tres 'nodrizas' e baixo o mando de Medio Rural.

Pola súa banda no incendio declarado en Caldas de Reis, na parroquia de Saiar, desactivouse o nivel 2 de alerta tras considerarse "estabilizado" sobre as 12:00 horas. Neste caso a superficie queimada é de 290 hectáreas segundo as estimacións.

En Caldas traballan no control do lume 3 técnicos, 12 axentes, 32 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 1 tractor, 11 helicópteros e 2 avións.