Os clientes habituais do bar La Bodeguilla de Caldas de Reis levaron este mércores un bo tanto do cuarto premio do sorteo de Nadal da Lotería Nacional. O 91.179 que asolagou de millóns A Illa de Arousa saíu da administración número 1 de Caldas, a única que hai no municipio, e desde alí saíu ata o coñecido local de hostalería da rúa Mateo Sagasta.
Neste caso, o seu propietario, Claudio Massoni, de orixe italiana, explica que a sorte chegou dun "número ao azar". Chegou á administración sen ningunha idea preconcibida de que numero coller e nunca collera ese número, pero, unha vez alí, dixo: "o que non quería ninguén, para min".
Neste bar vendéronse máis de 20 décimos, a maioría a "clientes de aquí, xente local que adoita vir por aquí". Repartiu ao redor de 400.000 euros e el quedou cun décimo, 20.000 euros.
A suma non é o suficientemente alta para cambiar a vida deste hostaleiro, pero si se mostra contento. "É unha alegría, a gozala e xa está". No seu caso, gastarao "en saúde", pero non no sentido da típica expresión utilizada cada 22 de decembro de "o importante é ter saúde", senón literalmente en tratamentos médicos.
O dentista levará unha parte e tamén o dedicará á reparación do coche, gastos que "se non tocase, custaría pagalos".
Outro décimo comprouno Jesús, cliente habitual que este mércores, con todo, non excedía de alegría. Comprouse o décimo a medias cun amigo de Madrid e tocaranlle 10.000 euros que asegura que non dedicará a nada en especial.
"En Nadal tampouco farei nada especial, coa miña familia e o clásico", sinalou a PontevedraViva mentres gozaba dunha cervexa neste local do que é cliente habitual.
Ao seu lado, David e José Luis lamentábanse de non comprar ningún décimo. "Estamos agora fodidos", recoñecía, pero tamén a alegría de que tocase no seu pobo. Para outros sorteos, teñen " clarísimo" que non quedarán sen o seu décimo, aínda que tamén recoñecen que "se o compro eu, seguro que non toca".
O LOTEIRO DA SORTE
Miguel Martínez, titular deste despacho de Caldas, relata que enviou a sorte ata A Illa a través dun intercambio "porque na Illa necesitaban números e mandámosllos desde aquí", un xesto habitual entre administracións próximas.
O propio Martínez vendeu "por portelo" outras 38 series deste cuarto premio, que deixaron en Caldas un bo tanto económico, ata 7,6 millóns de euros. Parte deses décimos son os que se distribuíron na Bodeguilla.
"Estamos moi felices porque facía falta que caese un premio así", explica Martínez, para o que é o segundo premio que reparte na Lotería de Nadal, tras o quinto premio que vendeu en 2012, apenas meses despois de facerse cargo desta administración.
Aínda que Caldas de Reis é un punto estratéxico do Camiño Portugués a Santiago, o loteiro afirma que "maioritariamente se vendeu a xente de aquí", polo que "a felicidade é aínda maior porque sempre é bo que o diñeiro quede no pobo".