A solidariedade que trae o coronavirus: "Podemos hacerlo por ti"

Pontevedra
15 de marzo 2020

Jon e Dahiana, unha parella moza que reside nun inmoble de Benito Corbal, mostrou a súa dispoñibilidade de colaboración a toda a veciñanza. Son coñecedores de que no seu edificio residen persoas maiores con problemas de mobilidade e non queren que teñan dificultades para ter acceso a alimentos e medicinas

Cartel de solidariedade veciñal nun edificio de Benito Corbal Diego Torrado

A imaxe repítese estes días en moitos edificios comunitarios de toda España. Veciños que se atopan en boas condicións de saúde e mobilidade e que non forman parte dos principais grupos de risco e ofrecen a súa axuda aos veciños que o necesiten para facer fronte ao avance do coronavirus. En Pontevedra tamén empezou a darse esta onda de solidariedade e a ela sumáronse Jon e Dahiana, unha parella nova que reside nun inmoble de Benito Corbal e mostrou a súa dispoñibilidade para axudar a toda a veciñanza. 

"Lo vimos mi pareja y yo en redes sociales y pensamos: nosotros podemos ayudar", relata Jon, que na mañá deste sábado colocou un cartaz no portal: "¡Hola vecinos! Somos Jon y Dahiana del piso 1A. Si alguna persona mayor que esté´sola en el edificio necesita ayuda (hacer compra, medicamentos...) Podemos hacerlo por ti". E adxunta o seu teléfono móbil de contacto. 

Segundo explica Jon, a súa parella traballa nun bar e, por tanto, estes días, non acudirá ao seu posto de traballo porque debe pechar ao público e el traballa só de mañá, de modo que ten dispoñibilidade para axudar a aqueles que o necesiten e, tras ver a iniciativa en redes sociais e falalo, sumáronse.

Son coñecedores de que no seu edificio residen persoas maiores con problemas de mobilidade e non queren que teñan dificultades para ter acceso a alimentos e medicinas. Parécelles "una iniciativa muy buena" que se cre esta cadea de favores.

De momento, non recibiron ningunha petición de axuda, pero, cando lles chegue, teñen total dispoñibilidade horaria. "De paso que vamos nosotros, podemos ayudar al que lo necesite", conclúe.  

En Pontevedra tamén xurdiron iniciativas similares por parte de persoas coñecidas como o concelleiro do PP  Guille Juncal, que publicou nas súas redes sociais este ofrecemento de axuda. Tras ver estes días nas redes sociais xente ofrecéndose para facer a compra a persoas maiores ou poboación de risco e coidar nenos de pais que seguen tendo que ir traballar, considerou que é "una idea genial" e optou por desactivar a privacidade das mensaxes para que todos os que precisen axuda poidan escribirlle.

"Si conocéis a alguien que necesite ayuda de este tipo en Pontevedra, no dudéis en contactar conmigo", ofrécese.