A solidariedade cos afectados polo lume en Ponte Caldelas chega a Instagram

Ponte Caldelas
20 de novembro 2017

Preto dun cento de empresas de toda España especializadas en venda a través de Internet doaron produtos de primeiras marcas para participar nas subastas benéficas organizadas por la coordinadora Ponte Caldelas Solidaria

Responsables da iniciativa de subastas benéficas a través de Instagram Coordinadora Ponte Caldelas Solidaria

As actividades postas en marcha pola coordinadora Ponte Caldelas Solidaria co fin de recadar fondos para axudar aos damnificados polos incendios do pasado mes de outubro chegan ás redes sociais. A partir deste luns realízanse subastas diarias a través de Instagram. 

Preto dun cento de empresas de toda España especializadas en venda a través de Internet doaron produtos de primeiras marcas para participar nas subastas benéficas, segundo informou a coordinadora a través dun comunicado. 

Esta actividade organízaa un grupo de media ducia de persoas de Ponte Caldelas epecializadas en redes sociais. Realizarán unha subasta diaria ata esgotar os lotes. Cada día poderase puxar por un lote entre as 9.00 e as 22.00 horas.

Os gañadores da subasta deberán aboar o prezo da súa puxa ás empresas colaboradoras desta iniciativa e logo os cartos ingresaranse na conta aberta por Cáritas e o Concello de Ponte Caldelas.

A próxima actividade pública da coordinadora será unha cea solidaria organizada por Cáritas de Ponte Caldelas este venres 24 na antiga discoteca Reivi a un prezo de 15 euros por persoa. Haberá un 'Prato Cero' para aquelas persoas que non poidan acudir ao evento, pero que queiran colaborar.