A sociedade pontevedresa brinda polo premio ONU-Hábitat entregado en Dubái ao modelo urbano

Pontevedra
06 de marzo 2015

Cun 'as-salaam-alaikum', o tradicional saúdo islámico, Miguel Anxo Fernández Lores tomaba a palabra no Teatro Principal para brindar con todos os pontevedreses polo premio ONU-Hábitat, que Pontevedra recolleu recentemente en Dubái. Un galardón que recoñece o modelo urbano "centrado nas persoas" que se implantou na cidade, "hoxe referendado por este prestixioso premio mundial"

Acto público no Teatro Principal para celebrar o premio ONU-Hábitat concedido a Pontevedra
Acto público no Teatro Principal para celebrar o premio ONU-Hábitat concedido a Pontevedra / Mónica Patxot

Cun 'as-salaam-alaikum', o tradicional saúdo islámico, Miguel Anxo Fernández Lores tomaba a palabra no Teatro Principal para brindar con todos os pontevedreses polo premio ONU-Hábitat, que Pontevedra recolleu recentemente en Dubái. Un galardón que recoñece o modelo urbano "centrado nas persoas" que se implantou na cidade, "hoxe referendado por este prestixioso premio mundial".

Así iniciaba o discurso un Fernández Lores pletórico, que afirmaba que este premio "énchenos de lexítimo orgullo a todos os pontevedreses", porque asegurou que "fomos capaces contra vento e marea de levar adiante este proxecto colectivo". Neste sentido, celebrou que o xurado do premio ONU-Hábitat optase por recoñecer o traballo realizado para "poñer as persoas non centro da vida da cidade".

Durante esta cerimonia de celebración do premio cos cidadáns, o alcalde destacou que Pontevedra "ten feito o máis difícil", é dicir, pasar con éxito as "primeiras e duras etapas da construción dunha nova cidade alternativa". Agora, dixo, convertida nun referente internacional en calidade urbana, "resta o máis importante, consolidar esta posición, estendela, facela cada vez máis universal e fomentar axeitadamente os retornos de todo tipo".

Fernández Lores insistiu en que este premio "debe darnos forzas para avanzar con máis decisión", xa que entende que moitas outras cidades comezaron a emprender o mesmo camiño en materia de mobilidade, accesibilidade e calidade urbana, polo que "sería un tremendo erro durmirse nos loureiros e desaproveitar esta oportunidade, esta posición favorable na que logramos, entre todos, situar a Pontevedra".

Con estas palabras remataba un acto público que, durante preto de hora e media, foi realizando un repaso -mediante unha serie de videos- dos diferentes encontros que mantivo a delegación pontevedresa desprazada aos Emiratos Árabes. Pechábase un círculo que se abrira cunha respectuosa e silenciosa protesta por parte de membros da plataforma Salvemos a Fracha á entrada do Teatro Principal.

A cerimonia, presentada polo xornalista Xabier Fortes, ademais de para celebrar o premio ONU-Hábitat coas persoas que se achegaron ao Teatro Principal, serviu para entregar unha réplica do diploma acreditativo deste galardón aos oito socios cos que Pontevedra se presentou a este premio: a Deputación de Pontevedra, a ONCE, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Stop Accidentes, a Fundación Meniños, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao, AEMPE e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.

Un a un foron recollendo de mans do alcalde a devandita réplica e pronunciando un breve discurso no que, todos eles, coincidiron en felicitar os pontevedreses polo premio. A máis entusiasta foi Jeanne Picard, presidenta de Stop Accidentes en Galicia, que destacou a "suerte" que temos de vivir nunha cidade "que protexe la vida de su gente". Un modelo, sinalou, que "ojalá logremos trasladar a más ciudades pata beneficio de sus ciudadanos".

Pola súa banda, Ana Isabel Vázquez -que desculpou a ausencia por motivos de axenda de Rafael Louzán- celebrou a concesión deste premio a Pontevedra porque "é importante para toda a provincia". A deputada provincial animou a todos os pontevedreses a "seguir traballando nesta liña" e, neste sentido, afirmou que o Concello encontrará sempre un "bo aliado" na institución provincial como pasou coa ponte de Monte Porreiro ou a futura Rolda Leste.

Tamén interviñeron, entre outros, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, que destacou que para persoas con discapacidade como el "cada vez que vimos a Pontevedra sentímonos un pouco máis libres" pola aposta pola mobilidade sostible; ou César Mosquera, edil de Ordenación do Territorio, quen afirmou que este modelo "non tería sido posible" sen a colaboración de toda a cidadanía.

Ademais dos socios de Pontevedra neste proxecto, ao Teatro Principal acudiu un amplo número de representantes da vida social e política da cidade, entre os que se encontraban os voceiros de Partido Popular e PSdeG-PSOE, Jacobo Moreira e Antón Louro, líderes empresariais e sindicais, voceiros de colectivos veciñais ou a maior parte dos membros da actual corporación municipal.

A celebración deste premio ONU-Hábitat continuará este venrescunha vertente máis lúdica e festiva con numerosas propostas musicais e de animación en diferentes rúas e prazas do centro histórico, a área cuxa peatonalización alá polo ano 1999 supuxo o embrión deste modelo de cidade que tantos recoñecementos está a obter a nivel nacional e internacional.