A situación sanitaria obriga a cancelar as catas comentadas de Etiqueta Negra Experiencias

Pontevedra
03 de novembro 2020

A organización e a concelleira de Promoción Económica Yoya Blanco adoptan a decisión "por sentido da responsabilidade, a raíz do incremento do número de casos activos na cidade nos últimos días". Agardan que a Feira do Gourmet Galego poida celebrarse nun ambiente máis seguro durante o ano 2021

Etiqueta Negra 2019 no Recinto Feiral Diego Torrado

Queda suspendida a celebración prevista das catas comentadas de produtos  gourmet galegos Etiqueta Negra Experiencias, que se fixara para a semana do 24 ao 29 de novembro, así o comunicou este martes a organización e a concellería de Promoción Económica e Turismo.

A concelleira Yoya Blanco recoñece que esta decisión se adopta por sentido de responsabilidade para contribuír a frear a propagación do virus e como consecuencia do aumento de casos activos de covid-19 na cidade durante os últimos días.

Blanco sinala que deciden así dar prioridade á integridade física e á saúde de produtores, provedores, público asistente e persoal laboral por encima doutros aspectos. Aconcelleira asegura que é unha "triste decisión" pero que non queda máis remedio que adoptar, malia os esforzos realizados para garantir todas as medidas sanitarias.

A concelleira móstrase esperanzada de que en 2021 se celebre esta cita de Eitqueta Negra, a Feira do Gourmet Galego, nun ambiente máis favorable e seguro, para fomentar os acordos comerciais entre os participantes e reactivando o desenvolvemento económico e comercial da industria alimentaria.