A situación sanitaria deixa á Virxe Peregrina este agosto sen ofrenda floral e sen procesión

Pontevedra
28 de xullo 2020

O Consello Rector da Cofradía da Divina Peregrina mantén a Misa Pontificia para o domingo o 9 de agosto, para o que contempla as medidas pertinentes de seguridade e outras excepcionais

Ignacio Landín Martínez, presidente da Confraría da Divina Peregrina Mónica Patxot

O Consello Rector da Confraría da Divina Peregrina sopesou varias posibilidades para que este agosto a patroa da provincia puidese ser horada nas súas festas coas correspondentes precaucións, pero a decisión final supón a suspensión de dous dos tres actos relixiosos que congrega a multitude de fieis nestas datas. "Este ano a Virxe quédase no seu camerino e non sairá de aí", lamenta Ignacio Landín, presidente da Confraría, "a maior ilusión do ano é sacar á Virxe á rúa, pero se non  pode ser, é o que hai que facer".

Así, o sábado 8 de agosto non se fará a tradicional ofrenda floral, nin sairá a carroza procesional e o domingo 9 tampouco sairá a imaxe da Virxe Peregrina en procesión. Si se celebrará a Misa Pontifical ás 12.00 horas do domingo, oficiada como corresponde polo Arzobispo de Santiago, don Julián Barrio Barrio. O que aínda non puido confirmar a Confraría é si contarán coa participación dun representante da Deputación Provincial para que como é tradición, renove a invocación de protección a Pontevedra.

Ademais, Ignacio Landín apelaba aos pontevedreses para queeviten traer ramos de flores ao santuario, xa que non se poderán colocar no interior. "Sabemos que non é unha petición fácil, que é moi difícil porque os fieis quererán cumprir as súas promesas, pero non podemos facer outra cousa". Hai que retrotaerse á guerra civil española para atopar a última suspensión destes eventos relixiosos en honor á Virxe Peregrina.

A Misa Pontifical, iso si, desenvolverase con restricciones de participación, cumprindo a normativa de prevención e seguridade vigente. Desta forma, só poderá acceder ao interior un máximo de 48 persoas; a metade da súa capacidade. Para compensar esta restricción contémplase colocar bancos no patio do santuario, onde se estima poderían estar en torno a 25 persoas. O inconveniente co que se atopa a Confraría é que a normativa non permite sacar altofalantes ao exterior.

A Confraría vai contar estes próximos días cunha empresa de seguridade para acoutar e controlar os accesos ao santuario. Quedará hábilitado un acceso para persoas con movilidade reducida, un segundo para entrada e outro para saída. O Concello de Pontevedra ofreceu alfombras para a higienización do calzado e é obrigatoria a limpeza de mans e o uso de máscaras.

Eucaristías e Novena

A Novena en honor á Virxe Peregrina non altera a súa celebración. Esta comeza o vindeiro xoves 30 de xullo ás 19.30 horas, predicada polo vicario da parroquia da Virxe do Camiño, don Alberto Domínguez Munáiz. Antes, ás 18.45 procederase ao rezo do Santo Rosario. A véspera do día a patroa, o sábado 8, o Rosario será ás 19.00 e ás 19.30 celebración de Eucaristía. Xa o propio domingo, haberá tamén ademais da Misa Pontifical, Eucaristías ás 09.30, 19.00 e 21.00 horas; e ás 18.30 e 20.30 horas, rezo do Santo Rosario.