A actual situación de pandemia segue a influír no comportamento da delincuencia de Pontevedra. Tal e como leva sucedendo no último ano, a situación de restricións cambiou as tendencias de criminalidade, promovendo a aparición de novos delitos como algúns cometidos a través de internet e reducindo a incidencia doutros máis vencellados á permanencia da xente nas súas vivendas como os roubos en domicilios.
Os máximos responsables das Forzas de Seguridade na provincia analizar esta evolución este martes nunha nova Xunta Provincial de Seguridade. Presidida pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, contou coa participación do coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel; e o comisario accidental de Pontevedra, Camilo Loureiro.
Os mandos policiais analizaron as estatísticas e evolución da delincuencia e infraccións penais rexistrados durante xaneiro e febreiro deste ano, que, a nivel xeral, seguen na senda de descenso iniciada o ano pasado. Larriba explicou que a tendencia de descenso "débese en parte ás restricións á mobilidade e a outras medidas derivadas da actual crise sanitaria".
Maica Larriba destacou, neste sentido, que as infraccións penais na provincia rexistraron un descenso interanual durante os primeiros dous meses do ano do 8%, aínda que ese descenso non foi igual en todos os eidos e houbo delitos con descensos menores e outros nos que aumentaron as cifras.
Segundo as cifras que manexan os corpos policiais, o maior descenso rexistrouse nos roubos en domicilios e establecementos comerciais, que descenderon nun 61% durante os meses de xaneiro e febreiro en relación cos mesmos meses do ano anterior. O resto de delitos contra o patrimonio reducíronse nun 24%.
Ademais, os delitos contra as persoas e os malos tratos experimentaron unha baixada do 22,75%; os delitos contra a liberdade sexual diminuíron nun 13%; e, en xeral, os delitos graves decaeron nos primeiros meses do 2021 nun 20%.
Os delitos que aumentaron con respecto a un ano antes foron os leves de estafas a través de tarxetas de crédito, cun incremento do 110% nun ano. Este incremento xa se detectou meses atrás polo aumento da actividade da cidadanía na Internet a raíz da situación de alerta sanitaria. Ademais, estes dous primeiros meses do ano tamén se nota unha importante actividade comercial debido ao Nadal e as rebaixas que puido disparar as estatísticas.
A subdelegada do Goberno destacou que aínda que o aumento dos delitos leves a través de tarxetas de crédito é elevado, as estafas graves realizadas polo mesmo medio rexistraron unha baixada interanual do 19%.
Maica Larriba agarda que se manteña esta baixada xeral da criminalidade, xa que "de consolidarse, a nosa provincia pasaría a ser unha das máis seguras do país".
DATOS POR MUNICIPIOS
Os responsables policiais analizaron a criminalidade por concellos e destacaron o descenso rexistrado en Pontevedra, onde as infraccións penais descenderon durante os dos primeiros meses do ano un 9,31%.
Entre os delitos que rexistraron unha maior baixada atópanse os roubos con forza, que caen por riba do 60%; os delitos contra a liberdade sexual, que diminúen nun 50%; e os delitos contra o patrimonio, que se reduciron en máis do 39%.
Tamén chaman a atención os datos de Marín, onde as infraccións penais rexistran unha baixada do 23,97%, sendo os delitos contra o patrimonio e os roubos con forza os que experimentan un maior decrecemento, do 52% e do 66% respectivamente.