As visitas teatralizadas por Pontevedra, que cada verán organiza o departamento municipal de Turismo, terán este ano unha protagonista de excepción. A Señora de Palmírez, un dos personaxes máis coñecidos da actriz María Campos, será a súa guía.
Esta actividade, que leva a cabo a compañía Migallas Teatro, busca que os turistas se embarquen nunha divertida viaxe por unha parte da historia real e imaxinaria da Pontevedra medieval e renacentista.
Os participantes, acompañados por personaxes doutras épocas e doutros mundos, irán descubrindo algúns dos segredos da cidade, principalmente do centro histórico.
No percorrido evócanse feitos e personaxes históricos coñecidos, así como lémbrase a homes e mulleres anónimas que habitaron a cidade ao longo dos séculos, mediante a recreación de escenas da vida cotiá.
Para o mes de xullo están previstas dez saídas, os días 16, 17, 22, 23, 24, 25, 28, 29 e 31. Será ás dez da noite, coa Praza de España como punto de partida.
Cada asistente, sempre cun número mínimo de 25 persoas, debe abonar oito euros. A visita para os menores de 12 anos é gratuíta e para parados, estudantes, xubilados ou familias numerosas haberá unha bonificación, pagando tan só cinco euros.
As visitas teatralizadas, que duran hora e media, pódense reservar na páxina web de Visit Pontevedra.