A senda do Río Pintillón ao seu paso por Areas será renovada para protexer a duna e mellorar o acceso á praia

Sanxenxo
23 de abril 2024

O alcalde, Telmo Martín, visitou xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, o tramo da senda que se cambiará

Agustín Reguera e Telmo Martín Concello de Sanxenxo

Unha axuda da Xunta de Galicia dentro da liña de Embelecemento do Litoral permitirá a Sanxenxo executar tres acciones que poñerán en valor o seu patrimonio natural. Unha delas, a renovación do tramo da senda do río Pintillón ao seu paso por Areas, aproximadamente 150 metros, que este martes visitou o alcalde, Telmo Martín, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e o concelleiro de Turismo, Juan Deza. 

A actuación valorada en 79.149 euros sairá proximamente a licitación xunto á creación dunha nova pasarela na praia de Panadeira (48.387 euros) e un vídeo dos carreiros litorais (14.943 euros). Os tres proxectos inclúense nas axudas do Embelecemento do Litoral Galego no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

O alcalde, Telmo Martín, destacou a importancia destas tres acciones "claves para coidar o noso patrimonio natural que temos en Sanxenxo e que neste caso en Areas nos permitirá coidar o espazo dunar". Na mesma, incidiu en que "a pasarela vaise levantar un pouco para deixar a duna que medre" e agradeceu á Xunta "a súa aposta por Sanxenxo".

Pola súa banda, o delegado autonómico en Pontevedra sinalou que estas axudas "permítennos coidar e mellorar o noso litoral e neste caso o concello turístico por excelencia". Tamén apuntou "a axilidade" do Concello de Sanxenxo na presentación de proxectos.

En canto á actuación na praia de Panadeira, exponse elevar a nova pasarela sobre a praia de forma que conforme un espazo complementario ao acceso público que serve aos locais comerciais. A nova senda será accesible para persoas con mobilidade reducida. Ademais, recuperarase o espazo que na actualidade ocupan as xardineiras existentes, as cales se demolerán e no seu lugar situarase a pasarela.