A Semana Galega de Filosofía, disposta a recuperar "saúde moral e comunidade"

Pontevedra
02 de abril 2018

Neste foro cultural, que se celebra do 2 ao 6 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, terán lugar diferentes ponencias que buscan crear debate e reflexión acerca da necesidade de unirnos como sociedade e crear comunidade

Presentación da XXXV Semana Galega de Filosofía Gabriela Varela Asorey

A Semana Galega de Filosofía cumpre 35 anos e celebra desde este luns unha nova edición que ten como tema central a filosofía e o común, ademais de conmemorar e homenaxear aos responsables das primeiras edicións. Nunha sociedade cada vez máis individualista, a coordinadora da aula Castelao, Ana Regueira, ve a necesidade de recuperar esa "saúde moral" e todos aqueles lazos que nos unen.

Este foro gratuíto e de acceso libre, que en 2017 superou os máis de 700 matriculados, nace hai 35 anos coa idea de abordar temas de interese e actualidade social desde un punto de vista filosófico. O obxectivo principal é, a partir deste contido académico, xerar debate, reflexión e interactuar co público. A temática escollida para esta edición, o común, trata de reivindicar á sociedade como país e comunidade, como sinalou a coordinadora.

Así, máis de 400 persoas déronse cita no Teatro Principal para asistir ás ponencias de figuras importantes en distintos ámbitos, como Silvia Federici. Esta historiadora, investigadora e activista feminista foi a encargada de dar inicio ás conferencias da Semana coa charla titulada 'Mulleres e a reconstrución do común'. Previamente o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, inauguraba oficialmente esta cita filosófica.

Por diante, cinco días de debate e confluencia de saberes cun obxectivo común, achegar a filosofía ao público e poñer en valor aqueles ámbitos que se distancian da mera rendibilidade, un dos problemas que, segundo palabras de Regueira, existen na sociedade actual. O tratamento de distintos temas desde diferentes puntos de vista será a tónica xeral durante unha Semana na que se tentará "crear comunidade", e que sitúa a Pontevedra como referente da filosofía a nivel estatal, como destacou Lores.