A Semana Forestal aborda as saídas profesionais e a implantación das novas tecnoloxías neste sector

Pontevedra
05 de abril 2022

A Semana Forestal 2022 é un ciclo de conferencias, talleres e mesas de debate que se desenvolve ata este mércores na Escola de Enxeñaría Forestal

A EE Forestal acolle unha ducia de conferencias e talleres entre este luns e mércores Universidade de Vigo

Da implantación das novas tecnoloxías no sector agroforestal á conservación da biodiversidade, pasando polos procesos de dixitalización que a Xunta de Galicia promove neste eido e polos diferentes ámbitos nos que os titulados da Escola de Enxeñería Forestal desenvolven o seu labor profesional. Estas son algunhas das temáticas a abordar na Semana Forestal 2022, un ciclo de conferencias, talleres e mesas de debate que se desenvolve ata este mércores na Escola. 

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou este martes nestas xornadas e puxo en valor os obxectivos do Plan Forestal 2021-2040 e da estratexia de dixitalización e descarbonización.

José Luis Chan referiuse a iniciativas como o Inventario forestal continuo que será posible grazas ao "esforzo conxunto" das universidades de Vigo e Santiago en colaboración co Goberno galego e do que, segundo dixo, se coñecerán os primeiros datos proximamente.

Nesta Semana Forestal interveu o luns cun relatorio o responsable da empresa Beniu Soluciones Agroforestales, David Blanco, que afondou nas aplicacións que poden ter os drons nos sectores agrícola e forestal. 

Outro dos relatorios buscou achegar ao alumnado o mundo da produción apícola, da man de Xosé Torres, presidente da Asociación Galega de Apicultura (AGA), quen lembrou que existen na comunidade "preto de 4.600 apicultores", sendo este "un dos sectores agrarios nos que existe un relevo xeracional". 

Tamén houbo un coloquio sobre plantas invasoras, a cargo de Carmela Alfonso, docente do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, e a presenza no centro dun simulador da Federación Galega de Caza.

Ademáis, o técnico desta dirección xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Jacobo Aboal abordou as diferentes iniciativas en materia de dixitalización aplicadas ao sector impulsadas desde a administración autonómica, mentres que o subdirector xeral de Recursos Forestais, Xosé Alberte Piñeiro, e o xefe do Servizo de Xestión Forestal, Odón López, ambos tamén desta Dirección Xeral centraron as súas intervencións no procedemento de elaboración de plans de xestión e nos modelos silvícolas.