A segunda planta de Michelena 30 estará operativa en maio

Pontevedra
08 de abril 2021

O goberno municipal, ademais desta planta e a planta baixa xa remodelada -que alberga as dependencias do rexistro e o padrón- traballa xa nos proxectos para seguir rehabilitando as outras plantas do inmoble. A seguinte será a primeira planta, na que se atopan os servizos de Secretaría e Contratación

Obras de reforma da segunda planta do edificio Michelena 30 Mónica Patxot

As obras de rehabilitación da segunda planta do edificio municipal de Michelena 30, lugar de traballo do servizo de Intervención, avanzan a bo ritmo. Os traballos entraron na súa recta final e, segundo as previsións do Concello, estarán terminados en maio.

Esta actuación, que custa uns 256.000 euros que son financiados mediante o convenio coa Deputación, pretende crear un espazo moderno, aberto e dinámico e garantir a seguridade dos traballadores e dos cidadáns que acudan a realizar xestións.

Con esta remodelación, os traballadores municipais terán despachos e espazos de traballo diáfanos e con luz natural, aproveitando a zona central para crear a maior sala de reunións do edificio, onde celebrar mesas de contratación, comisións ou reunións de goberno.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, destacou que esta obra é "100% local", desde a construtora que a executa -Construcciones Ramírez-, os arquitectos que redeseñaron o espazo -NAN Arquitectos- ou provedores como Cristalería Pontevedresa.

Ata o mes de maio, data na que estas instalacións xa estarán operativas, os traballadores de Intervención atópanse teletraballando ou recolocados na Casa da Luz.

O goberno municipal, ademais desta planta e a planta baixa xa remodelada -que alberga as dependencias do rexistro e o padrón- traballa xa nos proxectos para seguir rehabilitando as outras plantas do inmoble.

A seguinte será a primeira planta, na que se atopan os servizos de Secretaría e Contratación; e posteriormente remodelarase a cuarta planta, onde están situados o servizo de Informática e a asesoría xurídica do Concello.

En última instancia tamén se actuará sobre a terceira planta, na que se sitúan os membros do goberno e a Alcaldía, pero segundo Anabel Gulías será ao final deste proceso xa que a "prioridade" para o Concello é "acomodar" os seus servizos centrais.