A Ruta dos Artistas de Moraña, punto de partida para a Festa do Carneiro ao Espeto máis inusual

Umia
18 de xullo 2020

A mostra ten formato de circuíto ao longo de medio quilómetro na senda biosaudable que arranca en Portamós, no polígono industrial de Afieiras, e o seu acceso é aberto e libre para toda a cidadanía

Ruta dos Artistas de Moraña Concello de Moraña

O Concello de Moraña estreou este sábado a súa Ruta dos Artistas, unha novidosa iniciativa cultural que consiste nunha exposición ao aire libre coa participación dunha vintena de artistas e artesáns afeccionados do municipio que inaugura a programación da 51 Festa do Carneiro ao Espeto. 

Nas súas primeiras horas de apertura, a ruta recibiu centos de visitantes, entre os que se atopaban a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e varios concelleiros do goberno local.

A mostra ten formato de circuíto ao longo de medio quilómetro na senda biosaudable que arranca en Portamós, no polígono industrial de Afieiras, e o seu acceso é aberto e libre para toda a cidadanía.

A iniciativa desenvolveuse durante toda a xornada e, como colofón, programouse un concerto de clausura a cargo do grupo dixie La Rúe, de acceso restrinxido previa compra de entrada.

A Ruta dos Artistas expón pezas culturais variadas, entre as que se atopan pinturas, vimbios, pedras pintadas, cesteiría, calceta, cerámica, manualidades, bonsáis –con algún que data de 1900–, fotografía, madeira e raíces, traxes típicos con abalorios de orfebreiría e ornamentación e bicicletas antigas. 

Os expositores participantes son Fran Ameixeiras (Pedreiras), Cardama, Porto, Emilio Díaz, Antonio Novo e Xabier Oubel (Bonsais), Constante Porto (Constante do Souto), Germán Cancela (Cesteiría Tradicional), Tony Ruibal (Fotografía), Belén Giménez (Terra de Fadas), Silvia Louzán (Suartedecora), Fina Camiño, María del Carmen García e Fina Gómez (As da Calceta), Maite de Santiago, María Tizado (Mariatizado), Ramón Suárez (As Bicicletas de Ramón), A.C. Seixebra (Traxes tradicionais), As Brochas de Rebón, Pepe Castro e Asociación de Mulleres Rurais O Menhir.