Case 92.000 euros investirá o Concello de Pontevedra na rehabilitación integral do firme da Rúa da Torre, situada no barrio do Burgo.
As obras, que teñen un prazo de execución dun mes, consistirán en dotar a esta rúa de plataforma única, xa que así o aconsellan as súas estreitas dimensións.
O proxecto municipal, que se integra dentro do plan de actuacións para o barrio do Burgo, incluirá ademais medidas de acougado de tráfico e a renovación de toda a iluminación pública.
O deseño elixido, segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, será similar ao que están a adoptar as zonas rurais, ao entender que é a que mellor se adapta á configuración da rúa.
O Concello espera poder adxudicar esta reforma canto antes, aínda que o atasco administrativo que hai no departamento de contratación pode atrasar un pouco o inicio destes traballos que, en todo caso, estarán listos no primeiro trimestre de 2021.