A Rúa da Tablada e María Victoria Moreno estarán unidas por unha nova rúa

Pontevedra
26 de xuño 2020

O Concello agarda asinar antes de final de ano o convenio urbanístico para abrir ao público as parcelas de Defensa de Campolongo -no ámbito entre Xeneral Rubín e a Rúa da Tablada- e Rosalía de Castro. Só faltan os informes do ministerio e de Naturgy, que chegarán en breve

Zona pola que irá a nova rúa entre A Tablada e María Victoria Moreno PontevedraViva

O Concello agarda asinar antes de final de ano o convenio urbanístico para abrir ao público as parcelas de Defensa de Campolongo -no ámbito entre Xeneral Rubín e a Rúa da Tablada- e Rosalía de Castro. Só faltan os informes do ministerio e de Naturgy, que chegarán en breve.

Este convenio, que se asinará co Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED), permitirá entre outras actuacións abrir un novo vial entre a Rúa da Tablada e a avenida María Victoria Moreno, polo medio das actuais vivendas militares.

A actuación está condicionada a unha modificación puntual do actual planeamento urbanístico, que o goberno municipal confía en que estea aprobado a mediados de 2021.

Completaríase así un proceso que se iniciou hai unha década e que, tras varias fases de bloqueo e a presentación dun novo proxecto, reactivouse en novembro de 2018.

O edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, explicou que este convenio permitirá modificar o uso residencial das vivendas militares, de tal xeito que o INVIED poida vender aos inquilinos as súas vivendas e construír dous novos edificios previstos dentro da parcela, que contarán cun estacionamento soterrado de uso privado dos residentes.

Os edificios serían de baixo máis seis alturas, ao que se lle suma o aproveitamento baixo cuberta cunha edificabilidade 2.873 metros cadrados.

Neste ámbito de Campolongo, ademais da apertura da nova rúa, o Concello recibirá case 10.000 metros cadrados de espazo público e un local de 367 metros cadrados e, por outra banda, completarase a Rúa da Tablada co reaxuste das aliñacións.

No ámbito de Mollavao, entre Manuel del Palacio e Rosalía de Castro, está previsto o derrube dos chalés actuais, a edificación dun edificio de seis plantas e a cesión ao Concello de cerca de 4.000 metros cadrados de espazo público, que permitirá crear unha praza aberta cara Rosalía de Castro e coa posibilidade de conectala cara Manuel del Palacio.

Ademais dos acordos propiamente urbanísticos, a contía destinada á urbanización das dúas parcelas, que correría a cargo de Defensa, sería de 750.000 euros que se deberá executar con anterioridade a que o Concello reciba e abra ao público as novas vías, prazas e zonas verdes, para que estes cumpran os estándares de calidade urbana municipais.