Entre maio e xuño de 2025. É a data na que, segundo as previsións municipais, estará terminada a reforma integral da Rúa da Santiña. As obras, tras múltiples atrasos administrativos, comezarán o vindeiro luns 29 de abril.
Así o anunciou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que sinalou que estes traballos, que realizará a empresa Civis Global, foron adxudicados por 1,8 millóns de euros e teñen un prazo de execución dun ano.
A maior parte deste investimento, ata 1,6 millóns, procede dos fondos europeos Next Generation, para os que o Concello xa pediu unha prórroga, xa que inicialmente a data tope para executar os proxectos subvencionados termina a finais deste ano.
Fernández Lores sinalou que esta extensión do prazo "está aceptada tacitamente".
Con esta reforma, segundo o rexedor, Pontevedra converterase na primeira cidade "na que se pode cruzar todo o Camiño Portugués por espazos de prioridade peonil e cunha altísima calidade urbana", tras as rehabilitacións das rúas Virxe do Camiño e Gorgullón.
"É unha obra asolutamente necesaria", subliñou o alcalde pontevedrés, que cambiará por completo a fisonomía dunha rúa "estreita, perigosa e sen servizos", que contará con todos os estándares de calidade do modelo urbano da cidade,
Así, esta actuación abarcará os 800 metros de lonxitude que teñen a Rúa da Santiña e a Rúa da Gándara, desde o seu inicio na Avenida da Coruña ata a súa conexión co ENIL da Xunqueira de Alba, no tramo final da rúa Martín Códax.
A intervención está pensada en dous tramos. O primeiro, entre o cruzamento coa avenida da Coruña e a rúa Valentín Paz Andrade, terá un carácter máis urbano debido á presenza de bloques de vivendas; e o segundo, cun carácter máis rural, ata o cruzamento coa Rúa da Gándara.
A nova Santiña terá un pavimento en formigón continuado en toda a rúa para unificar a intervención. Dispoñerá de arboledo para facer máis brando percorrido, principalmente liquidámbar e chopos. Terá mobiliario urbano como bancos, cadeiras e conservará a fonte existente. A iluminación será a través de báculos e farois suxeitas en fachadas.
Un dos traballos principais da obra será a substitución de todos os servizos soterrados da rúa: abastecemento, saneamento, servizo eléctrico, gas e telecomunicacións.