A romaría de San Benito de inverno e as festas de Campolongo tamén se suspenden

Pontevedra
13 de marzo 2020

O párroco Crisanto Rial trasladaba aos feligreses a decisión a últimas horas da tarde deste xoves 12 indicando que por culpa do COVID-19 anulábanse as celebracións previstas para o sábado 21 de marzo. Tamén os organizadores das festas de Campolongo anuncian o aprazamento ata que pase esta situación de pandemia

Romaría de San Benito de Lérez de inverno de 2017 Mónica Patxot

Continúan as cancelacións de eventos previstos para as próximas semanas. Nas últimas horas, o párroco Crisanto Rial anunciaba aos fregueses a suspensión da romaría de San Benito de Lérez de inverno prevista para o sábado 21 de marzo.

Durante unha cerimonia relixiosa, segundo informan residentes na parroquia de Lérez, o crego indicaba que con motivo da expansión do COVID-19 víase obrigado a pospoñer esta celebración dunha romaría que, aínda que conta con menor afluencia que o evento de verán, congrega a numerosos fieis procedentes tanto da parroquia como doutros puntos da provincia.

O arcebispo de Santiago de Compostela emitiu tamén un comunicado pedindo que nas eucaristías desta fin de semana en todas as parroquias, os sacerdotes pidan polas vítimas do coronavirus, polo fin da pandemia e por todo o persoal sanitario.

FESTAS DE CAMPOLONGO

Tamén, a última hora do xoves 12, os organizadores das Festas de Campolongo anunciaban a suspensión deste evento que estaba previsto entre o 19 e o 22 de marzo. 

Desde a organización sinalan que tentarán buscar outra data en colaboración co Concello de Pontevedra cando a situación de pandemia do coronavirus remita.