A rexión de Bolama, en Guinea-Bisáu, replica o plan de compostaxe da Deputación

Pontevedra
01 de decembro 2020

O seminario internacional "Revitaliza no Mundo" organizado pola Deputación e o CEIDA recolleu como o modelo pontevedrés inspirou varios plans de residuos estatais e no estranxeiro

Seminario internacional "Revitaliza no Mundo" Deputación de Pontevedra

Bolama, unha rexión administrativa no oeste de Guinea- Bisáu, cunha superficie de 2.624 kilómetros cadrados e unha población duns 35.000 habitantes, vai replicar o Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación como xa o fixo a illa africana de Príncipe.

Así o confirmou este martes o investigador e representante da UNESCO, Antonio Abreu, na súa participación no seminario "Revitaliza no mundo" organizado pola Deputación e o CEIDA.

Neste encontro, celebrado de maneira telemática e no que participaron preto dun cento de persoas, recolléronse as experiencias de diferentes entidades e administracións inspiradas polo modelo pontevedrés. Entre elas destacaron a de Illa de Príncipe e tamén as do Cabildo de La Palma e do Consorcio Provincial de Medio Ambiente da Deputación de Segovia, que puxeron sobre a mesa a importancia, as grandes oportunidades e os retos que supón a compostaxe descentralizada para os seus territorios.

Por parte da Deputación participaron no encontro a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, así como o deputado Uxío Benítez e o asesor Carlos Pérez. Tamén o director do CEIDA Carlos Vales.

Carmela Silva puntualizou que "debemos cambiar os nosos hábitos destrutores do planeta e o tratamento de residuos, que aumentan de forma exponencial, posto que non son a mellor mostra dunha civilización que quere coidar o que máis valor ten: o medio ambiente e a terra".

Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera subliñou que a acollida do Revitaliza tanto na provincia como no exterior está a ser "espectacular", xa que a participación da veciñanza na compostaxe é moi alta e con moita implicación. 

"Apenas hai impropios, só cifras insignificantes imposibles na literatura, o que demostra que a cidadanía está por diante da administración, que tende a ser conservadora por unha cuestión de timoratismo e non impulsa medidas que leven a unha xestión de residuos responsable co planeta e o medio ambiente, cumprindo as determinacións legais", subliñou.

"O que comezou como unha aventura colleu unha velocidade vertixinosa e hoxe estamos máis avanzados do que soñabamos hai cinco anos, con resultados palpables", concluiu Mosquera.