A representación de Panorama, baixo sospeita: a Fiscalía ve fraude fiscal e a empresa "afán recadatorio" en Facenda

Umia
24 de xuño 2015

Representaciones Lito, empresa líder no sector das orquestas de Galicia, representante de máis de 70 formacións musicais, entre elas 'Panorama' e 'París de Noia', está baixo sospeita. Este mércores dábase a coñecer que a Fiscalía presentou unha querela por seis delitos contra a Facenda Pública e pouco tardaron desde a firma en reaccionar defendendo a súa inocencia

Gala contra o Cancro de Panorama 2015

Representaciones Lito, empresa líder no sector das orquestras de Galicia, representante de máis de 70 formacións musicais, entre elas 'Panorama' e 'París de Noia', está baixo sospeita. Este mércores dábase a coñecer a través de diversos medios de comunicación que a Fiscalía presentou unha querela por seis delitos contra a Facenda Pública e pouco tardaron dende a empresa en reaccionar atribuíndo a investigación e os movementos realizados tanto a nivel xudicial como da Axencia Tributaria a un "mero afán recadatorio".

A querela presentada polo fiscal de Delitos Económicos, Augusto Santaló, no Xulgado de Caldas de Reis vai dirixida contra Representaciones Lito e os seus cinco socios, que responden ás iniciais A.M.P., J.M.F.S., M.A.G.S., M.F.E. e M.A.V.M. e está complementada por un informe da Axencia Tributaria.

Santaló conclúe que existen seis delitos contra a Facenda Pública que poderían atribuírse tanto á persoa xurídica como ás persoas físicas e que terían cometido nos exercicios 2011 e 2012 en relación co pagamento do IVE, o IRPF e o imposto de sociedades.

Segundo recolle o fiscal na súa querela, nestes dous exercicios a contabilidade da empresa rexistra uns ingresos de 40 millóns de euros, pero tan só tería tributado ante o fisco por 4 millóns. En canto ao IVE, "a cota defraudada polo imposto do IVE no exercicio 2011 ascende a 4.308.547 euros, e no exercicio 2012 a 4.039.592 euros".

O fiscal mantén que a "contabilidade oficial non recolle a imaxe fiel da empresa", xa que supostamente, nalgúns casos non se emiten facturas, noutros que si se emiten (só o 8% dos casos) non se contabilizan a totalidade dos ingresos, tampouco se recollen os gastos polos servizos das orquestras, nin dos representantes comerciais, entre outras irregularidades detectadas.

Fronte a esa querela, desde Lito queren aclarar que todo o sector da verbena en Galicia está sendo duramente inspeccionado e consideran que a actitude da Fiscalía vén motivada pola negativa da empresa a prestar a conformidade ao erróneo criterio da Axencia Tributaria que considera que Representaciones Lito SL non é un mero representante senón que produce e vende espectáculos musicais completos, o cal, segundo aseguran, "é radicalmente falso".

Na súa defensa, insisten en que son unha axencia que representa a máis de 70 agrupacións en toda Galicia e que a Fiscalía lles atribúe erroneamente que facturaron a suma dos importes cobrados por todas estas orquestras, cando, en realidade, só cobran polo traballo de intermediación unha comisión. Por esa comisión "sempre pagamos o nosos impostos correspondentes".

Ademais, aclaran que a Inspección lles atribúe o deber de facer unhas retencións aos representantes, pero "esquécese" de que estes son profesionais independentes e que non traballan para Representaciones Lito e, xa que logo, "non corresponde á empresa facer ningunha retención a estes profesionais".