Recuperar o valor histórico e cultural do estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como de Purro. É o obxectivo da actuación que, con cargo ao Plan Concellos da Deputación, impulsa o goberno municipal de Bueu. As obras comezaron este mesmo luns.
O estaleiro da Banda do Río é o único estaleiro da ría de Pontevedra que conserva unha carpintería de ribeira, unha característica da idiosincrasia dun pobo mariñeiro. O estaleiro sitúase no dominio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, aínda que foi informada a súa concesión para as obras ao Concello de Bueu hai xa dous anos.
O proxecto de rehabilitación desta primeira fase foi adxudicado á empresa Coviastec por un importe de 209.000 euros.
Nestas obras está prevista a consolidación estrutural, ademais da substitución de todos os elementos de cubertas e a execución dun peche perimetral de vidro e madeira que permita a visión dende o espazo urbano da estrutura do estaleiro. Ademais, renovaranse as instalacións de saneamento e abastecemento e instalaranse iluminación e unha rampla de botadura.
Así o destacou o alcalde durante a visita, onde lembrou que despois dun longo proceso, por fin "este proxecto tan importante para Bueu comeza a facerse realidade".
Juncal explicou que a primeira fase rematará a comezos da primavera e que se complementará cunha segunda, que vai con cargo ás axudas do Grupo de Acción Local da Ría de Pontevedra (GALP), e que incluirán o acondicionamento do lugar con contidos expositivos, museísticos, unha pasarela de madeira interior, iluminación e videovixilancia.
A idea é, pois, que no interior se manteñan unha exposición de embarcacións tradicionais, e que exista un espazo para a realización de actividades divulgativas.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tamén mostrou a súa satisfacción pola posta en marcha desta iniciativa e destacou que a súa rehabilitación vai permitir "recuperar o noso patrimonio, que permanecerá como sinal de identidade e coma un foco de atractivo nacional e internacional".