A rehabilitación do edificio de Churruchaos terá un orzamento de 1,2 millóns de euros

Pontevedra
23 de maio 2022

Ao igual que coa reforma do edificio do antigo conservatorio na rúa Alfonso XIII, o Concello agarda percibir unha subvención dos fondos PIREP, dentro do marco dos Next Generation, para rehabilitación de equipamentos e mellora da súa eficiencia enerxética

Infografía do deseño da Oficina de Patrimonio Concello de Pontevedra

A voceira do goberno local, Anabel Gulías, ampliou este luns a información avanzada por PontevedraVivasobre a rehabilitación do edificio Churruchaos.

Ao igual que coa reforma do edificio do antigo conservatorio na rúa Alfonso XIII, o Concello agarda percibir unha subvención dos fondos PIREP, dentro do marco dos Next Generation, para rehabilitación de equipamentos e mellora da súa eficiencia enerxética. 

Anabel Gulías indicou que Churruchaos agora mesmo está ocupado por varios servizos e, se ben conta "cun uso intenso, a súa distribución si é un tanto caótica e labiríntica, polo que precisa certa reforma espacial e dar solucións a diversos problemas".

Tal e como explicou Gulías, a idea inicial é mellorar e situar na planta baixa do edificio aqueles departamentos que teñen maior afluencia de usuarios, polo que alí serán trasladadas as oficinas de Patrimonio e o Servizo de Topografía, servizos que agora se atopan dentro da antiga casa consistorial.

O resto de plantas quedará cunha distribución semellante á de agora, se ben contarán cunha distribución mellor, máis lóxica e accesible.

Dentro deste fomento da accesibilidade vanse poñer as entradas do edificio a nivel, tanto da rúa Churruchaos como Dona Teresa, para que non existan barreiras arquitectónicas.

Tamén queren instalar un ascensor situado na escaleira actual, que sufrirá unha remodelación, vinculándose cun patio de luces que vaise descubrir e deste xeito obter máis luminosidade, permitindo mesmo traballar con luz natural dentro do edificio, segundo a situación do posto de traballo, alén de actuacións que teñen que ver coa mellora na eficiencia enerxética, cun sistema eléctrico "adaptado a estes tempos", comentou a portavoz.

"Tamén haberá máis salas de xuntanzas que sirvan de espazos de traballo", engadiu.

O proxecto de rehabilitación terá un orzamento de 1.269.913 euros e o prazo de execución sería de seis meses. O proxecto seleccionado, entre os presentados, foi o de Magdalena Portela.