A rehabilitación das vivendas dos mestres de Cerdedo entra na súa segunda fase

Cerdedo-Cotobade
18 de setembro 2020

O Concello de Cerdedo-Cotobade confía en concedelas, a través do formato de aluguer social, no Nadal do 2021 mentres tramitan a habilitación doutras catro vivendas deste tipo no antigo centro médico de Carballedo

As obras de construcción de vivendas sociais nas vellas casas dos mestres de Cerdedo entran na súa segunda fase Concello de Cerdedo Cotobade

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) inicia as obras da segunda fase do proxecto de recuperación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo, nas que inviste 700.000 euros e que consisten na restauración das oito casas restantes despois de que o pasado ano culminasen a rehabilitación das dúas primeiras, da cuberta do inmoble e dos espazos comúns.

A actuación supón basicamente a continuidade da primeira fase, que xa permite que dúas familias gocen dos seus fogares baixo o formato de aluguer social. Habilitarán estas oito casas con salón, cociña, cuarto de baño e habitacións, dotados de todos os servizos, xunto cun pequeno xardín nas súas respectivas partes traseiras, con vistas á remodelada pista multideporte anexa ao colexio público San Xoán Bautista. 

Tras esta rehabilitación, que se acometerá ata mediados do próximo ano 2021, comezará a tramitación administrativa para a súa catalogación como Vivendas de Promoción Pública ( VPP) e a súa posterior concesión aos beneficiarios co réxime de arrendamento de carácter social. 

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, agradeceu a sensibilidade da Xunta coas políticas de vivenda impulsadas desde o Concello, mostrou a súa confianza en que as obras se desenvolverán sen atrancos e cumprindo os prazos, xa que pretende que estas oito vivendas restauradas sexan estreadas por outras tantas familias no Nadal do 2021.

A este proxecto, súmase outro xa bastante avanzado para crear outras catro vivendas sociais coa restauración do antigo centro médico de Carballedo.