A regularización do heliporto do Campiño abre a porta a liberar máis parcelas na Xunqueira de Alba

Pontevedra
24 de abril 2023

"Pola nosa banda: colaboración, axilidade e dilixencia nos trámites que teñen que ver con ese posible traslado", dixo Gulías. "É básica a desocupación desas parcelas", reiterou a portavoz do goberno local, para "facer realidade a desocupación dese espazo verde"

Motobombas da Xunta aparcadas na Xunqueira de Alba PontevedraViva

O Concello de Pontevedra regularizará un acordo verbal coa Xunta de Galicia que vén funcionando desde 1998 polo que se cedeu á Consellería do Medio Rural unha parcela no polígono industrial do Campiño na que está instalada a base de extinción de incendios forestais.

Neste heliporto do Campiño traballan un total de 51 persoas en época de perigo alto de lumes e funciona ademais como centro de formación e educación ambiental. 

Con todo na clasificación urbanística esa parcela de 20.526 metros cadrados figura como zona verde polo que, a solicitude da Dirección Xeral de Defensa do Monte, inícianse os trámites para regularizala como dotación e equipamento social.

Esta modificiación puntual do plan parcial do polígono do Campiño terá que ser aprobada polo pleno. A proposta xa conta con todos os preceptivos informes sectoriais favorables, polo que levará á sesión plenaria do próximo 2 de maio.

A portavoz do goberno local, Anabel Gulías explicou que "dentro das nosas intencións está axilizar o máximo posible esta tramitación" xa que, por unha banda, regularízase unha colaboración "absolutamente necesaria" entre a Xunta e o Concello "para a xestión de servizos esenciais para os veciños e as veciñas de Pontevedra"."Esta é a actitude: de colaboración, onde nós sentímonos cómodas", engadiu.

Pero ademais, no goberno local tamén están "satisfeitas e alegres porque nos consta que o director xeral de Defensa do Monte dixo no Parlamento de Galicia que se prevé o traslado dos talleres e a base de bombeiros forestais", explicou Anabel Gulías. 

E é que o Concello interpreta que a regularización do heliporto do Campiño supoñerá o abandono das instalacións de Medio Rural na Xunqueira de Alba onde ten dúas parcelas, de 5.000 e de 8.700 metros cadrados, con equipamentos que van ser substituídos por localizacións alternativas previstas en Botos (Lalín) e e no Campiño.

"Pola nosa banda: colaboración, axilidade e dilixencia nos trámites que teñen que ver con ese posible traslado", dixo Gulías. "É básica a desocupación desas parcelas", reiterou a portavoz do goberno local, para "facer realidade a desocupación dese espazo verde".

O Concello de Pontevedra móstrase disposto a "poñer da nosa man calquera facilidade que implique o traslado desas instalacións".