A reforma urbana de Liñares dá continuidade ás humanizacións en Poio

Poio
08 de marzo 2022

O proxecto contempla a dotación de plataforma única, con nova superficie de empedrado, ademais da renovación de servizos como o alumeado e a mellora de accesibilidade cunha inversión de 150.000 con cargo ao Plan Concellos da Deputación

O concelleiro de Urbanismo de Poio, Gregorio Agís, en Liñares Concello de Poio

O Concello de Poio, a través da Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, está a ultimar o proxecto de humanización do lugar de Liñares, na parroquia de San Xoán.

Trátase dun proxecto que contará cun orzamento que ascende a 150.000 euros e que se financiará con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022.

Segundo consta na memoria técnica, a obra cubrirá unha extensión duns 600 metros cadrados aproximadamente. A humanización centrarase en diferentes cuestións, como é a renovación do pavimento, que actualmente deteriorado.

Gregorio Agís sinala que “proxectamos a dotación dunha plataforma única, a través da cal se lle dará preferencia ao tránsito peonil, mediante a utilización dunha superficie de empedrado que xa empregamos noutros núcleos do municipio e que axuda a poñer en valor a contorna”.

O documento elaborado polos técnicos municipais indica, asemade, a necesidade de efectuar a baixada das liñas eléctricas e de teléfono, o que axudará a eliminar barreiras arquitectónicas, facilitando a mobilidade e accesibilidade e, ao mesmo tempo, “redundando na posta en valor da contorna”, engade o concelleiro de Urbanismo.

En canto á renovación de servizos, a actuación servirá para dotar a Liñares de novo alumeado público, máis eficiente co actual. Por último, contémplase o traslado do cruceiro á parte central da zona de actuación.

Esta tarefa levarase a cabo “con todas as garantías e cumprindo coas directrices que marca a Dirección Xeral de Patrimonio”, garante Gregorio Agís.

Por último, instalarase sinalización horizontal e vertical, quedando a velocidade limitada a 20 quilómetros por hora.

O prazo de execución da obra é de seis meses. A actuación xa conta con visto bo da Comisión de Urbanismo.