A reforma integral de Virxe do Camiño comezará a finais de maio

Pontevedra
23 de abril 2018

Será a empresa Oresa a que execute esta reforma por 1.146.785 euros. É case 300.000 euros menos do prezo polo que saía a licitación, segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González. Terá dez meses para realizar as obras

Rúa Virxe do Camiño e contorna PontevedraViva

Finais de maio. É a previsión que manexa o Concello de Pontevedra para que comecen as obras de reforma integral da rúa Virxe do Camiño, a primeira actuación que se realizará nos barrios polos que atravesa o Camiño Portugués en Pontevedra. 

Será a empresa Oresa a que execute esta reforma por 1.146.785 euros. É case 300.000 euros menos do prezo polo que saía a licitación, segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González. Terá dez meses para realizar as obras.

Esta reforma supoñerá darlle un tratamento unitario a todo este barrio, que pasará a contar con plataforma única e con tráfico reducido a servizos e veciños. Tamén se renovarán todos os servizos e canalizacións soterradas da rúa. 

A principal novidade céntrase na ampliación da praza situada entre Eduardo Pondal e Virxe do Camiño, que contempla a antiga entrada dos peregrinos a Pontevedra. A praza quedará a nivel da entrada ao Supermercado Froiz e instalarase unha escaleira ampla en dirección á rotonda de Eduardo Pondal.

Ademais, Oresa aceptou executar todas as melloras incluídas na licitación.

Desta maneira, pavimentaranse as rúas Mariscal Pardo de Cela, José Casal e o entroncamento con Eduardo Pondal e renovarase toda a iluminación do barrio.

OUTRAS CONTRATACIÓNS

A Xunta de Goberno tamén acordou adxudicar á empresa EC Casas as obras de canalización de pluviais no acceso a O Castelo (Lérez), que custarán 226.000 euros e terán un prazo de execución de catro meses.

Elsamex, doutra banda, será a encargada de executar os proxectos de mellora da seguridade viaria na contorna dos colexios Vilaverde e Marcos da Portela, que custarán 156.775 e 154.759 euros respectivamente. O prazo de execución é de catro meses.

Para a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical en rúas e vías do municipio, o Concello contratará á empresa API Mobilidade. Será a través dun contrato de catro anos, con posibilidade de dous anos de prórroga, polo que cobrará 792.000 euros. A compañía ofertou unha redución do 10% no prezo e menos tempo de resposta tras o aviso municipal.