A Axencia Galega de Infraestruturas vén de aprobar o proxecto da segunda fase da intermodal de Pontevedra, que se licitará nos próximos días. Paralelamente, ultímase a adxudicación das obras da primeira fase, consistente na reforma da actual terminal.
O importe do proxecto aprobado é de 3,3 millóns de euros e un prazo de execución de 10 meses.
Na memoria descritiva adxunta detállase o contido do proxecto que, resumidamente, elimina o acceso ás dársenas desde a rúa Estación, o que permite configurar unha praza entre as dúas estacións (trenes e buses) e mellora a seguridade no itinerario peonil.
Ademais, coa reforma, créase un itinerario peonil cuberto na nova praza que serve para protexerse das inclemencias climatolóxicas en parte do itinerario e redeseñar a zona de aparcamento, adecuando as súas dimensións á normativa vixente.
Igualmente mellórase a beirarrúa de acceso á estación de ferrocarril, adaptándoa á normativa de accesibilidade e, a petición do Concello, constrúese un novo acceso de entrada e saída de autobuses desde a avenida Josefina Arruti sobre o río Gafos.
Ademais, na avenida Josefina Arruti proxéctanse un carril bus en sentido entrada á cidade e outro carril de espera de buses para os xiros á esquerda en sentido saída da cidade. Nesta intersección exponse un control mediante semáforos que se regularán detectando a presenza dos autobuses.
Está previsto que na zona de dársenas se reordene a circulación interior dos autobuses, de acordo coa nova configuración dos accesos, e se repavimente a chaira da dársena.
Todos estes cambios supoñen a eliminación da actual entrada de autobuses, liberando o actual marco de encanamento do río Gafos, que se pode retirar. Isto permitirá gañar un novo espazo público de gran valor ambiental.
É unha obra complementaria e coordinada coa rehabilitación da estación de autobuses, licitada a mediados do pasado mes de marzo por importe de 2,4 millóns de euros e que está en última fase do proceso de adxudicación.