A reforma do pavillón do Toural recibirá 50.000 euros da Deputación

Vilaboa
11 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar conceder unha achega de preto de 50.000 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ao Concello de Vilaboa para o proxecto de acondicionamento e renovación das instalacións no pavillón do Toural

Pavillón polideportivo do Toural en Vilaboa Concello de Vilaboa

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar conceder unha achega de preto de 50.000 euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ao Concello de Vilaboa para o proxecto de acondicionamento e renovación das instalacións no pavillón do Toural. 

O Concello de Vilaboa destinará os recursos da Deputación a obras de renovación neste pavillón polideportivo municipal construído no ano 1994. 

Na actualidade, o recinto atópase nun estado que non resulta axeitado para a correcta utilización por parte dos usuarios, debido á falta de auga quente nas duchas, así como o mal estado xeral dos revestimentos, a imposibilidade de illar certos treitos das instalacións en caso de mal funcionamento e as recentes filtracións de auga que se produciron a través dos paneis translúcidos da cuberta. Ademais, o sistema de iluminación interior non é eficiente.

Coas obras que se van acometer arranxaranse estas deficiencias con accións como a demolición e construción dunha nova cubrición parcial; a instalación dun novo armario para un cadro xeral de mando, de novos puntos de luz de emerxencia e reposición de tomas de enchufe en vestiarios e aseos; ou a instalación dunha porta de garaxe para labores de mantemento no interior da pista. 

Tamén se mellorarán as instalacións de auga e se instalarán dous equipos de aerotermia. 

No relativo aos aseos e vestiarios, substituirase o pavimento, pintaranse as paredes e dotaráselles de módulos de banco con respaldo, colgadoiro, altillo e zapateiro. Por último, substituirase a iluminación na pista deportiva e no exterior por luminarias LED de baixo consumo.