A reforma do núcleo do Xuviño estará feita a principios de 2023

Poio
24 de outubro 2022

A actuación municipal para a reforma do núcleo do Xuviño, en Combarro, comezará en breve e, se non hai contratempos, o Concello confía en que estea rematada nos primeiros meses de 2023

Núcleo de Xuviño en Poio Concello de Poio

A actuación municipal para a reforma do núcleo do Xuviño, en Combarro, comezará en breve e, se non hai contratempos, o Concello confía en que estea rematada nos primeiros meses de 2023.

A obra, que se financia a través de fondos europeos obtidos ante o Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE), foi adxudicada cun orzamento de case 281.000 euros. Será a empresa EC Casas a encargada de executala.

Os traballos servirán para reforzar a seguridade peonil, a través da dotación dunha plataforma única, ao tempo que se garante a mobilidade sostible e universal, eliminando barreiras arquitectónicas e reducindo a pegada de carbono.

A dotación e renovación completa dos servizos básicos no lugar, así como a instalación do alumeado, completará esta actuación.

O concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, destacou que esta obra busca facer que a contorna do Xuviño "experimente unha importante transformación”, ao tempo que se respecta a singularidade arquitectónica deste núcleo.