A reforma do instituto Valle Inclán, "moi avanzada": todas as aulas van estar habilitadas para o 11 de setembro

Pontevedra
03 de agosto 2024

Para o 11 de setembro, contan con que estea rematada toda a parte que afecta ás aulas e as cubertas e quede para despois desa data o triángulo máis pegado ás ruínas de San Domingos, que afecta á administración e ás zonas de traballo do profesorado

Instituto Valle Inclán, sen estadas Mónica Patxot

As obras de rehabilitación integral do instituto Valle Inclán de Pontevedra están xa "moi avanzadas" e a previsión que manexa a Consellería de Educación é, como sucede coa reforma do CEIP Froebel, que todas as aulas estean habilitadas para o 11 de setembro, día do inicio oficial do curso escolar 2024-2025.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sinalou este venres, con motivo dunha visita ás obras do CEIP Froebel, que no Valle Inclán "están retirando as estadas".

Román Rodríguez lembrou que a obra deste instituto é "un enorme investimento" da Xunta de Galicia, "practicamente de cinco millóns de euros", e, como resultado, este centro educativo "tan senlleiro" para a cidade e para o sistema educativo, vai quedar cunha "factura admirable". 

Rosa Soñora, xefa da Unidade Técnica de Educación en Pontevedra, insiste en que se trata dunha "obra inmensa" e tamén "complicada" e asegurou que, para o 11 de setembro, contan con que estea rematado toda a parte que afecta ás aulas e as cubertas e quede para despois desa data o triángulo máis pegado ás ruínas de San Domingos, que afecta á administración e ás zonas de traballo do profesorado. 

Esa parte pendente "non afecta ás aulas nin ao funcionamento normal" do centro. 

A parte das cubertas "están todas rematadas" e esta semana están rematando o corpo central do lucernario da escaleira, "que é máis complicada".

Agora están traballando "a marchas forzadas" cos reforzos estruturais, instalacións, falsos teitos, chans, pinturas... para que todo estea listo para o novo curso.