A reforma do Gorgullón, Virxe do Camiño e o Burgo, prioritarias para 2017

Pontevedra
07 de febreiro 2017

Os tres proxectos están a ser redactados de acordo coa normativa que rexe os fondos europeos DUSI, de forma que poidan ser financiados con estas axudas. En todo caso, se os primeiros fondos que cheguen de Bruxelas non se poden imputar a estas actuacións, o Concello asumiraos con fondos propios

Rúa Gorgullón, Pontevedra Mónica Patxot

Todos os proxectos de reforma urbana vinculados á mellora do Camiño Portugués ao seu paso por Pontevedra serán prioritarios para o goberno municipal. Trátase das actuacións previstas no Gorgullón, a rúa Virxe do Camiño e a ponte do Burgo, cuxa rehabilitación se ampliará tamén á Santiña. Son obras valoradas en catro millóns de euros.

Os tres proxectos están a ser redactados de acordo coa normativa que rexe os fondos europeos DUSI, de forma que poidan ser financiados con estas axudas. En todo caso, se os primeiros fondos que cheguen de Bruxelas non se poden imputar a estas actuacións, o Concello asumiraos con fondos propios.

A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, explicou que a reforma do Gorgullón permitirá reurbanizar por completo este ámbito urbano e completar os traballos realizados nas redes de saneamento e pluviais para evitar que se producisen as habituais inundacións. Na rúa aplicaranse os mesmos estándares que no centro da cidade.

Con respecto a esta obra, o goberno municipal estuda introducir como mellora do contrato a reforma na rúa Otero Pedrayo, polo menos nas inmediacións do albergue de peregrinos.

Pola súa banda, a rúa Virxe do Camiño tamén estreará nova imaxe. No seu caso, o Concello estuda unha posible peonalización tras a súa reforma, ou polo menos, que poidan convivir co tráfico rodado mediante unha plataforma única, similar á adoptada en Michelena.

Pero sen dúbida o proxecto máis ambicioso é a peonalización da ponte do Burgo, unha obra xa anunciada polo Concello. A novidade é que esta actuación ampliarase á rúa Santiña, que será rehabilitada de forma integral, segundo explicou Carme da Silva, que destacou que a súa tramitación está moi avanzada.

O Concello licitará todas estas obras en 2017.