Chelo Besada, tenente de alcalde e concelleira de Obras e Servizos de Poio confirmaba este mércores que se está tramitando a elaboración dun proxecto que permita continuar a mellora do Camiño de Covelo, na parroquia de Samieira.
No outono de 2020 xa se realizaron traballos nunha extensión de ao redor de 500 metros cun orzamento de preto de 34.000 euros. A representante socialista afirma que, tanto aquelas obras como as que se proxectan para o seguinte tramo, realízanse cunha subvención a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2020-21, que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
A intención agora é dotar do resto do tramo de elementos que permitan reforzar a seguridade viaria, cunha senda para peóns e elementos para reducir a velocidade de circulación dos vehículos.
Este vial é moi utilizado pola veciñanza e conte con numeroso tráfico durante os meses de verán ao ser empregado como alternativa á PO-308 para desprazarse entre Samieira e Combarro. Segundo a concelleira é necesario renovar os servizos e o pavimento desta vía.
Nos traballos finalizados renovouse a superficie cun firme cunha capa media de cinco centímetros de mestura bituminosa en quente. Unha das cunetas conta cun revestido en formigón e a segunda vai polas dúas marxes con acabado en terra. A obra executou a conexión da cuneta de formación á rede de pluviais coa instalación de 10 metros de tubos PVC.