A reforma de Rosalía de Castro e o vial de Mollavao van licitarse conxuntamente para que en 2026 estean finalizados

Pontevedra
03 de maio 2024

César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas, anunciaba este venres que se adopta esta decisión por motivos operativos para reducir os prazos de execución destes proxectos. O representante municipal agarda que a licitación conxunta se desenvolva a finais deste 2024 coa idea de "recuperar o máximo de tempo posible"

O concelleiro César Mosquera PontevedraViva

César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas, anunciaba este venres que se licitarán de forma conxunta as obras da reforma do novo vial de Mollavao, coñecido como o baipás, e a prevista na Rúa Rosalía de Castro.

Explicaba que se trata dunha decisión "operativa" para reducir os prazos para a realización de ambos os proxectos. 

O concelleiro lembrou que "por motivos administrativos" estas intervencións dividíronse en dous proxectos distintos. "A reforma de Rosalía de Castro non podía ser realizada sen a construción con antelación do novo vial de Mollavao, xa que a rúa pasará a ser de dirección única cun carril", subliñou Mosquera no seu encontro cos medios de comunicación.

Engadiu que o goberno local encargou a actualización de prezos do proxecto do vial de Mollavao, unha vez que se resolveu a situación con Costas, para actualizar os prezos e evitar desta forma que o concurso quede deserto. Tamén se solicitou a actualización de prezos da obra en Rosalía de Castro e o trámite de contratación do proxecto para axardinar a parcela dos circos en Mollavao.

César Mosquera calcula que o total da licitación de ambos os proxectos ascenderá a 3.300.000 euros.

Sinalaba que de non facelo de maneira conxunta teríase que optar por unha fórmula secuencial e o goberno municipal teme que provocaría atrasos nestas actuacións. Entende que esta solución evitará choques entre empresas ao establecer os plans de obras.

"O punto conflitivo é facer un entronque na avenida de Marín, punto neurálxico máis complicado", destacou Mosquera.

"Queremos recuperar o máximo tempo posible para que canto antes a xente da zona, e todos os pontevedreses e pontevedresas, poidan ver isto reformado",, advertía o concelleiro indicando que a licitación espera que se realice a finais deste 2024.

Se se cumpren os prazos, a previsión é que finalizase a mediados de 2026.