Paso importante para a mellora do barrio de Mollavao e a construción dun novo viario que unha Rosalía de Castro coa avenida de Marín. A Xunta de Galicia aceptou transferir ao Concello o tramo urbano da PO-546, a vella estrada a Marín, un trámite necesario para poder reurbanizar todo este ámbito.
Serán, aproximadamente, uns 600 metros de estrada, entre a rotonda de Fernández Ladreda e Manuel del Palacio e a parcela de Mollavao na que, habitualmente, se instalan os circos. Neste tramo, o goberno municipal pretende aplicar os mesmos estándares de accesibilidade e seguridade viaria que no centro da cidade.
Así, prevese deixar o viario cun único carril en dirección a Marín para poder ampliar as beirarrúas. Instalaranse ademais varios pasos de peóns elevados, renovaranse todos os servizos e limitarase a velocidade da vía a 30 quilómetros por hora.
A Xunta, segundo explicou César Mosquera, propoñía que o Concello asumise toda a PO-546 ata Marín, pero o goberno municipal prefire deixar esa opción para unha futura segunda fase, sempre que o goberno galego asuma a reforma integral da estrada antes de transferila oficialmente á administración municipal.
Para poder tramitar este proxecto tan só falta o visto e prace de Costas, administración do Estado á que se lle solicitou a cesión dos 3.364 metros cadrados que serán necesarios para a construción do novo viario que unirá Rosalía de Castro coa avenida de Marín e que incluirá unha glorieta na estrada vella.
Para iso, con todo, o Concello deberá renunciar formalmente a un proxecto anterior, impulsado pola Xunta, para construír un tanque de tormentas nese espazo. Trátase dunha iniciativa xa descartada pero cuxa solicitude estaba rexistrada ante Costas, polo que tería prioridade ante esta nova petición.
Mosquera explicou que, unha vez se formalice esta renuncia e se poidan solicitar os terreos para a nova estrada, o goberno municipal estará "enriba de Costas" para que conteste "o antes posible".
O Concello calcula que a reforma urbana que se realizará no barrio de Mollabao superará os dous millóns de euros.