A reforma de Loureiro Crespo comezará o luns no extremo pegado á Praza do Hospital

Pontevedra
25 de abril 2020

Así se acordou nunha xuntanza telemática que o edil de Obras, Demetrio Gómez, mantivo con representantes veciñais e comerciantes do barrio para trasladarlles o plan de obra e os criterios de organización dos traballos e do tráfico durante esta reforma urbana

Rúa Loureiro Crespo, Pontevedra Mónica Patxot

O Concello non esperará a que remate o estado de alarma para iniciar unha das obras máis ambiciosas que se planificaron para este mandato: a reforma de Loureiro Crespo e O Castañal.

Así se acordou nunha xuntanza telemática que o edil de Obras, Demetrio Gómez, mantivo con representantes veciñais e comerciantes do barrio para trasladarlles o plan de obra e os criterios de organización dos traballos e do tráfico durante esta reforma urbana.

Os traballos dividiranse en dúas quendas, tendo en conta o confinamento da veciñanza, e realizaranse baixo os protocolos de seguridade e prevención esixidos no marco da actual crise sanitaria da COVID-19.

Estas obras, que darán comezo o vindeiro luns 27 de abril, teñen un orzamento de preto de 3 millóns de euros e un prazo de execución de 11 meses.

Durante a primeira semana procederase á localización e marcado dos servizos e á preparación do traslado da parada dos taxis para Cobián Areal. Tamén está previsto acondicionar unha parcela para almacén de maquinaria e para acopios e servizos para os propios traballadores.

A partir do luns 4 de maio, a previsión é dar comezo aos traballos de demolición, comezando polo extremo pegado á Praza do Hospital no treito cara a rúa 12 de Novembro.

Neste tramo demolerase primeiro o lado dereito e instalaranse os novos servizos. Tras estes traballos, simultaneamente procederase ao pavimentado do lado dereito e á demolición do lado esquerdo e instalación dos novos servizos.

Cara finais do mes de maio, prevese o comezo dos traballos de renovación dos servizos na zona do Castañal, que obrigará a aplicar un plan específico de tráfico. A organización do tráfico definirase en función do avance das obras e sempre en coordinación coa policía municipal.

En todo caso, o Concello prevé como prioridade garantir o tráfico de servizos e de carga e descarga, básicos na dinamización da actividade económica, e o acceso peonil para todas as persoas durante a realización das obras.

O compromiso do goberno municipal é garantir que as obras teñan o menor impacto posible para os comercios, locais de hostalería e empresas que traballen de cara ao público, en canto estes poidan abrir as súas portas.

A circulación nun único sentido de entrada en Loureiro Crespo incorporarase segundo o avance dos traballos.

A reforma de Loureiro Crespo, ademais desta rúa, permitirá reformar gran parte do ámbito do Castañal, entre elas as rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e a praza das Regas.

Ademais de renovar a pavimentación e o largo das beirarrúas en varios puntos, inclúe a renovación de todos os servizos e a instalación de nova iluminación e novo mobiliario urbano, así como a plantación de árbores nalgúns dos treitos.