Resoltas diversas incidencias que fixeron que os traballos foran máis lentos do previsto, a reforma das vías perimetrais da Praza de Barcelos volveu a coller ritmo. O Concello agarda que estean rematadas antes do próximo verán, entre os meses de abril e maio.
"Se pode ser en febreiro, mellor", explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que este martes visitou estas obras, executadas polas empresas EC Casas e COVSA, acompañado polo concelleiro de Obras urbanas, César Mosquera.
Trátase, segundo Fernández Lores, dunha obra "necesaria" valorada en 2,1 millóns de euros e que renova as redes de abastecemento, saneamento, electricidade ou telecomunicacións, amplía as beirarrúas e retira os lastros da calzada, que se substituirán por asfalto.
As obras levan "certo atraso", recoñeceu o alcalde, pola colocación de dúas estadas en dous edificios da praza, que obrigou a traballar máis lentamente neses puntos e pola necesidade de que non chova para poder empregar materiais como o formigón nas beirarrúas.
Ao respecto do tráfico, Miguel Anxo Fernández Lores aclarou que o sentido do tráfico queda en dirección San Antoniño a Rouco, podendo saír do estacionamento ben cara a Rouco (pola saída da parte alta da praza) ou ben cara a San Antoniño (pola parte baixa da praza).
Dentro da obra está incluído o traslado do transformador de Fenosa situado no colexio de Barcelos. A obra civil xa está rematada e a instalación do novo transformador colocado. Só resta que a compañía conecte o cableado, actuación que está pendente de permisos.
Ademais, o alcalde tamén explicou que a actuación no perímetro da praza queda pendente da parte lindeira co muro de Santa Clara "porque non sabemos como vai quedar e non temos moitos interlocutores, de momento".
Confirmou que en canto se decida a conexión de Santa Clara con Barcelos, o Concello impulsará a fase pendente desta reforma, executando a renovación desta parte da praza.