Ata 942.000 euros vanse a investir na actuación integral que mudará por completo o aspecto nas rúas Saíñas e Puntada, en Poio. Foi o proxecto que o goberno municipal presentou ao Plan ReacPon da Deputación, que achega case 754.000 euros do orzamento total.
O proxecto inclúe a reforma nestas dúas zonas, partindo da praza Cristóbal Colón e rematando na Escola Infantil Saíñas e no grupo de casas da travesía Segunda Puntada.
Actuarase nunha zona con superficie de 5.640 metros cadrados na que se recuperará o espazo público para as persoas mellorando a mobilidade, aumentando a seguridade, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro e impulsando un cambio cara formas de transporte máis sostibles e menos contaminantes.
Tamén pretende impulsar o atractivo turístico na contorna e parte, para elo, das cuestións referentes á humanización de Portosanto así como da potenciación do itinerario peonil neste núcleo e a introdución dun sendeiro peonil entre Pontevedra e Lourido.
No ámbito de actuación executarase unha plataforma única e zonas de convivencia persoas-vehículos, reorganizarase o tráfico rodado e haberá elementos de calmado de tráfico.
Tamén se renovarán as redes de saneamento, recollida de pluviais, abastecemento e alumeado público, apostando pola eficiencia e sostibilidade.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, sinalou que esta é unha contorna urbana "moi consolidada" e cunha densidade de poboación moi alta, preto do Museo de Colón "que pretendemos que sexa un espazo máis aberto para as persoas, máis sostible e de mellor calidade".
Durante a sinatura do convenio, a presidenta Carmela Silva cualificou como "moi potente e transformador" o proxecto para mellorar a mobilidade nas rúas Saíñas e Puntada "e situar como protagonistas ás persoas" dentro dos procesos de transformación das vilas.