A reforma da Praza da Aldea comezará en outono

Soutomaior
29 de xuño 2024

Os traballos contarán con 4 meses de prazo de execución e cun investimento de máis de 159.000 euros

Infografía do proxecto de reforma da Praza da Aldea Concello de Soutomaior

O goberno local do Concello de Soutomaior agarda que comecen os traballos na Praza da Aldea pasado o verán. Contarán con 4 meses de prazo de execución e cun investimento de máis de 159.000 euros. 

Este proxecto se está a tramitar xunto con outros traballos co fin de crear núcleos de centralidade nos diferentes barrios do concello como é o caso do proxecto da Carreira dos bolos da Pedreira.

O obxectivo desta actuación, segundo lembrou nesta xornada o alcalde, Manu Lourenzo, é poñer en valor o espazo dun dos barrios históricos do concello, ao tempo que se aposta por un modelo "coidado, moderno, agradable, accesible e respectuoso coa esencia do barrio".

A reforma porá en valor todo o conxunto arquitectónico formado polos muros de mampostería, cruceiros, edificacións e outros elementos que xa forman parte da Praza da Aldea, respectando a esencia que o caracteriza.

Así, consistirá na pavimentación con pedra do país de toda a praza. Ademais, levarase a cabo o arranxo do acceso con pedra e formigón, e dotarase toda a zona con mobiliario urbano e árbores.

Manu Lourenzo dixo que con este proxecto "trátase de deixar de entender Soutomaior como unha rede de estradas sen espazos para as persoas e de tornar materiais como o piche por materiais nobres como a pedra, a madeira ou o aceiro. E así, deste xeito, recuperar espazos de convivencia da veciñanza e poder volver ver aos nenos xogar na rúa".